O BNG emenda 10 millóns e medio dos orzamentos municipais de Vigo para que se atendan "as necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias"

  • Xabier P. Igrexas: "Estes orzamentos pode que sexan bos para os intereses electoralistas de Caballero pero son moi malos para a cidade".
  • A formación nacionalista formulou 74 emendas parciais, recollendo propostas e demandas do tecido asociativo e os movementos sociais "que o Goberno se nega a escoitar". 
  • Máis política social, alargar os servizos públicos, un maior compromiso coa igualdade, frear a desertización cultural e a defensa ambiental e do benestar animal centran as propostas do Bloque.
O BNG emenda 10 millóns e medio dos orzamentos municipais de Vigo para que se atendan "as necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias"

_DESCARGA: Emendas do BNG aos orzamentos municipais de Vigo para o 2020 (PDF)

O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá as emendas que presentaron ao proxecto de orzamentos xerais do Concello de Vigo para o vindeiro ano 2020. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, deu conta das 74 emendas parciais que supoñen modificar as contas elaboradas polo goberno local por importe de 10..401.257 euros. As propostas da fronte nacionalista céntranse en destinar máis medios á política social, o alargamento dos servizos públicos municipais, un maior compromiso "real e efectivo" coa igualdade e contra o machismo, así como para frear a desertización cultural "en marcha na cidade" e apostar por un Vigo máis verde e respectuoso co medio natural. 

Para Igrexas o proxecto de orzamentos que se debaterá no Pleno deste xoves, é "máis do mesmo". "Estamos diante dunhas contas continuistas, que insisten en concentrar o investimento en cemento e gasto inaugurábel. Uns orzamentos que poden ser bos para os intereses electoralistas de Caballero que vive nunha campaña electoral permanente, pero son moi malos para a cidade porque non atenden os problemas e as necesidades reais das viguesas e dos vigueses", valorizou. Aliás, o edil nacionalista criticou que os orzamentos se volvesen elaborar "de costas á cidade e contando só coa opinión dos concelleiros e concelleiras do PSOE".

Máis política social

Combater a situación de "emerxencia social" que atravesa a cidade é un dos eixos principais das alternativas que o BNG defende nas súas emendas. Nese sentido, propoñen aumentar en 800 mil euros a partida destinada ao chamado "cheque social", para estender o número de persoas beneficiarias e aumentar as contías das axudas, lembrando que este ano arredor de mil solicitudes ficaron sen axuda ningunha. Para atallar o problema da vivenda o Bloque propón un Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro, que permita ofrecer axudas de até 200 euros compatíbeis con outros ingresos para as familias que atravesan dificultades para pagar o seu alugueiro e evitar o risco de desafiuzamento.

Tamén propoñen que se poña en marcha unha Axencia Local de vivenda Social e Protexida que atenda a demanda das case 5 mil viguesas que fican á espera dunha vivenda social e que sirva de instrumento para evitar os despexos e que siga habendo persoas que "malviven e malmorren nas rúas da cidade". "O primeiro dereito das cidadás e dos cidadáns é o de habitar a propia cidade o de ter un teito baixo o que vivir", reclamou. A este respeito criticou que o Concello siga a escusarse na cuestión competencial para evitar actuar neste grave problema social. "Sabemos que a competencia e a responsabilidade é da Xunta, pero tamén sabemos que Goberno galego temos. Por iso para o BNG favorecer o acceso social á vivenda en Vigo, onde habendo 18.500 pisos desocupados seguen morrendo persoas sen teito, non é unha cuestión de competencia senón de compromiso político", remachou. Nas emendas inclúese tamén a reivindicación dun bono bus gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración.

Emprego

A fronte nacionalista demanda tamén un forte incremento dos recursos dedicados ás políticas de emprego. Nas súas emendas demandan sumar 1.410.000 euros ao Plan Municipal de Emprego, o que supón un incremento de máis do duplo, e tamén duplicar a partida do Plan de Emprego Xuvenil. "Con 25 mil viguesas e vigueses no paro non é razóabel e resulta até inmoral, gastar un 20% máis en luces e adornos de nadal que no Plan de Emprego", afeoulle ao goberno local o portavoz nacionalista.

Igualdade

Igrexas reclama que o "compromiso feminista se faga palpábel tamén nos orzamentos municipais". Para o Bloque resulta "cínico" proclamar que o Goberno municipal está comprometido contra a violencia machista cando no seu proxecto de presupostos queren destinar "menos recursos á campañas de sensibilización contra o terrorismo machista do que se van gastar en atencións protocolarias dos diferentes departamentos". Emporiso, propoñen que esa partida pase dos "ridículos e ofensivos" 13 mil euros consignados aos 150 mil. Entra outras iniciativas tamén propoñen que se dote de máis medios económicos o Plan Municipal de Igualdade e que se poña en marcha un Plan de Apoio ao Coidados e un novo centro de información ás mulleres no barrio de Coia.

Servizos públicos

Orientar os investimentos cunha perspectiva "dotacional e de mellora de servizos" é outro dos criterios que definen as emendas nacionalistas. Con ese obxectivo propoñen a construción de 3 novas escolas infantís municipais en Balaídos, O Calvario e Teis, lembrando que "2 de cada 3 solicitudes de praza fican sen ela por falla de oferta pública". En relación aos servizos que presta o Concello de Vigo, o BNG amósase decidido a abordar "dunha vez por todas" o debate sobre a necesaria remunicipalización para garantir unha "xestión pública ao servizo dos intereses públicos e non do lucro privado". Neste sentido, propoñen a elaboración dun estudo para acometer a remunicipalización dos principais servizos concesionados e que se constitúa, o vindeiro ano 2020, unha empresa municipal de servizos.

Cultura

No capítulo cultural, o BNG incorpora un número importante de emendas para aumentar de maneira substancial as partidas destinadas á dinamización da Rede Museística, para que deixe de "ser unha rede de contedores sen contido", e para reforzar a programación cultural municipal recuperando os programas desaparecidos por causa da política de "deseretización cultural" aplicada polo actual goberno como por exemplo Vigo Escena. Propoñen tamén un maior apoio económico á Feira do Libro de Vigo, para dimensionala como a principal feira do País facendo valer Vigo como "cidade literaria", a posta en marcha dun programa municipal de apoio á lectura, ou dúas novas bibliotecas municipais en Valadares e Coia. Fronte ao "deliberado desprezo contra o galego" do Goberno local, o Bloque propón un programa de promoción activa do uso do noso idioma, especialmente entre a mocidade. 

Medio ambiente

Para avanzar cara a un Vigo "máis verde e reconciliado co seu medio natural" Igrexas promove que un Programa de axudas para a protección e valorización dos montes en man común da cidade, dotado con medio millón de euros para colaborar coas Comunidades de Montes. Tamén se incorpora a posta en marcha da estratexia ZOO XXI para acabar definitivamente co "modelo exhibicionista" que se mantén na Madroa e tamén máis medios para a atención dos animais abandonados. Aliás, denunciaron que nos orzamentos elaborados polo PSOE hai "cero euros" para a reforma do Paseo de Bouzas polo que nunha das súas emendas piden que se dote como mínimo con 300 mil euros para iniciar os traballos.

Orzamentos participativos
Co obxectivo de evitar que "nunca máis volvamos ter unhas contas elaboradas sen contar coa opinión de ninguén", propoñen que se poña en marcha un programa piloto de orzamentos participativos para que os colectivos sociais e a veciñanza poidan decidir o uso deses recursos.