O BNG exixe que Xunta e Concello reparen de inmediato o valado dos institutos Santa Irene e Santo Tomé

_A fronte nacionalista lembra o compromiso do alcalde da cidade de acometer as obras sen que se teña feito nada.

_O valado perimetral presenta graves deficiencias que supoñen un risco para a seguridade das persoas, tanto no interior como no exterior dos centros.

O BNG exixe que Xunta e Concello reparen de inmediato o valado dos institutos Santa Irene e Santo Tomé

Cunha nova acción simbólica ás portas do IES Santa Irene, consistente nunha concentración de veciñas e veciños do barrio, o BNG volveu reclamar esta mañá ao Concello de Vigo que cumpra o seu compromiso de reparar o valado perimetral dos institutos Santa Irene e Santo Tomé. “Levamos meses denunciando a situación deplorábel deste valado, que supón un claro risco para a seguridade e malia as promesas do Concello e Xunta nada se ten feito”, denunciou o responsábel local do BNG, Serafín Otero.

SAVE_20180315_200906Otero cargou contra a Xunta de Galiza e o Goberno local polo estado de “patente abandono” que en opinión do dirixente nacionalista é unha nova evidencia do desleixo de ambas as dúas administracións. “É penoso o aspecto, e non só por estética, senón por seguridade. Hai varios tramos con risco de cortes para as persoas e algúns con risco de caída”, advertiu.

Nese sentido, a fronte nacionalista volve reclamar que Xunta e Concello a través da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Pontevedra, se poñan de acordo a maior brevidade posible e acometan as obras necesarias para subsanar esta situación.

Durante a concentración organizada polo grupo de barrio do BNG das Travesas, a veciñanza portou carteis con consignas alusivas e nas que se reclamaba unha actuación urxente e inmediata.