O BNG inclúe a desaparición do festival ImaxinaSons na política de “desertización cultural” do Goberno local

  • O concelleiro Xabier P. Igrexas lamenta a desaparición dun festival emblemático e de grande repercusión após catorce edicións.
  • A fronte nacionalista urxe o Goberno municipal a que poña fin á política de desmantelamento que “vai camiño de converter a cidade nun tanatorio cultural”.
O BNG inclúe a desaparición do festival ImaxinaSons na política de “desertización cultural” do Goberno local

O BNG criticou esta mañá a desaparición do ImaxinaSons, despois de 14 edicións, e que o ano pasado fora rebautizado polo Goberno municipal como Festival de Jazz de Vigo. A edición deste ano debera estar xa en marcha, pero o Concello non realizou ningunha xestión nin contactou coa último director do festival, o guitarrista Felipe Villar, o que aboca á desaparición deste emblemático festival que fixo da nosa cidade unha referencia internacional. 

“O ano pasado o alcalde prometía que o Imaxina Sons, agora denominado Festival de Jazz de Vigo, íase converter nun ‘evento de ámbito europeo’. Hoxe sabemos que en realidade máis que un evento o que promoveu o alcalde de Vigo foi un silencio clamoroso, non sabemos se de talla europea ou de talla mundial, coa desaparición dun festival de grande éxito e repercusión”, criticou o concelleiro Xabier P. Igrexas.

Festival de éxito

Igrexas reivindicou a importancia do ImaxinaSons lembrando que durante as súas catorce edicións “permitiu achegar o jazz nas súas diferentes expresións ao grande público”. O edil definiu o ImaxinaSons como un dos “emblemas da política cultural de Vigo” que o Goberno municipal de Abel Caballero e do PSOE leva moitos anos “afanándose en desmantelar nunha política de desertización cultural que deshumaniza a cidade”. “O ImaxinaSons era un festival que apostaba na innovación musical, na creación de tipo europeo, que apostaba no jazz de vangarda, no jazz experimental e que despregaba un importantísimo apoio tanto á creación jazzística viguesa como galega”, resumiu poñendo en valor o programa das súas edicións con importantísimas actuacións de artistas de primeiro nivel e master class irrepetíbeis que contribuíron a mellorar a calidade da produción musical viguesa.

“Despois de catorce edicións e da promesa de facer do ImaxinaSons un evento europeo, vemos como a falla absoluta de política cultural, como a deliberada incapacidade na acción de goberno e a total falla de xestión deixa Vigo sen un dos seus festivais máis emblemáticos”, lamentou o portavoz nacionalista. 

Tanatorio cultural

Igrexas alerta de que “a este paso imos camiño de nos converter nunha especie de tanatorio cultural con máis festivais e programas falecidos e desaparecidos dos que se manteñen en marcha”. Alías, acrecentou a súa crítica contra o modelo cultural imposto desde o actual Goberno municipal denunciando que “para alén de actuacións efémeras, de fogonazos con actuacións moi rimbombantes pero de moi pouco percorrido, a política cultural de Vigo é un absoluto deserto”.

Desde o BNG esixen unha mudanza para volver facer de Vigo unha capital referencial da cultura para a súa área, do conxunto de Galiza e o norte de Portugal e a nivel internacional. “A diferenza entre ter un Goberno comprometido coa cultura, como foron os gobernos dos que participou o Bloque en Vigo, e esta política de desculturización é evidente, e insistimos en que non hai mellor maneira de humanizar de verdade a cidade de Vigo que achegando a cultura ás clases populares e levando as súas diferentes manifestacións artísticas ao barrios e parroquias como se facía con diferentes programas e festivais como o hoxe desaparecido ImaxinaSons”, concluíu o edil nacionalista.