O BNG lamenta a desaparición do programa ‘Os libros ao sol’ e propón bibliopraias nos areais de Vigo

libros ao sol
[Imaxe: Atlántico Diario]
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas denuncia que o Goberno municipal está “instalado na política da obsolescencia programada” e denuncia a súa incapacidade para dar continuidade a ningún programa.
  • A fronte nacionalista propón que se instalen bibliotecas de praia nos principais areais da cidade (Samil, Vao, Alcabre e Teis).   
O BNG lamenta a desaparición do programa ‘Os libros ao sol’ e propón bibliopraias nos areais de Vigo

O BNG de Vigo lamentou que este verán non se vaia reiniciar o programa “Os libros ao sol”, posto en marcha o ano pasado polas concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo, coa instalación dun posto de lectura na praia de Samil.

Esa iniciativa, que desde a formación nacionalista valoraran de maneira positiva por permitir “que as viguesas e os vigueses pero tamén as persoas que nos visitan e que desfrutan da praia de Samil puidesen acceder á consulta de libros e ao servizo empréstamo”, todo apunta a que non se vai poder materializar este verán. Así o denunciou o concelleiro Xabier P. Igrexas afirmando que “estando xa a mediados de xullo non se fixo ningunha xestión para que se puidese volver instalar”.

Goberno de espasmos

Para o nacionalista a falla de continuidade deste programa, que non pasou da súa primeira edición, é unha evidencia de que “temos un Goberno municipal que goberna a espasmos e que está instalado na política da obsolescencia programada”. “Todo son anuncios permanentes de novas actuacións, de novos proxectos, destellando con novas promesas, pero gobernan na permanente incapacidade mesmo de manter os programas que xurdiron da súa propia iniciativa e que o propio Goberno municipal valorara como éxito o pasado verán”, acrecentou.

O portavoz nacionalista fixo un apelo ao sentido da responsabilidade do Goberno municipal para evitar “que ningún programa municipal volva morrer de éxito”. “En política é fundamental dar continuidade aos programas para que estes teñan resultados reais que vaian para alén dunha foto ou dun titular efémero”, reclamou.

Bibliopraias

Diante da ausencia deste programa o Bloque non só reivindica o seu retorno senón que demanda “unha aposta inda maior”. No concreto, Igrexas propón que se instale unha rede de ‘bibliopraias’,así as denominou, nos areais da cidade, tanto en Samil, como no  Vao e nas praias de Alcabre e Teis. Unha iniciativa coa que as nacionalistas queren que a biblioteca municipal Neira Vilas se estenda durante o verán aos espazos de lecer preferidos de vigueses e viguesas: as praias.

As bibliopraias serían puntos de lectura e empréstamo de libros nunha contorna natural privilexiada (areais de Samil, o Vao, Alcabre e Teis) para achegar as súas actividades e servizos habituais á poboación viguesa alí onde esta está de xeito maioritario. “Queremos que sexan moito máis que un punto de lectura ou de empréstamo de libros. As ‘bibliopraias’ serían verdadeiros nodos de irradiación cultural, de promoción da lectura, coas que liberar os libros dos andeis da bibliotecas para os achegar ao grande público e especialmente ás crianzas e a mocidade”, explicou Igrexas. Esta iniciativa tería tamén como obxectivo “apostar decididamente polo libro galego e en galego”, unha cuestión da máxima importancia para as nacionalistas.

Os nosos areais contan con lugares excepcionais onde as bibliopraias constituirían espazos de lecer complementario ás actividades propias das praias, acoutados e convenientemente dotados para a lectura, o empréstamo e a devolución de libros e a expedición de carnés. A estes servizos engadiríase un programa de fomento da lectura consistente en actuacións de contacontos para nenos e nenas e persoas adultas, presentacións de libros, palestras literarias, obradoiros de escrita creativa, obradoiros de teatro ou de creación de comic, entre outros. Pero ademais, as bibliotecas na praia deberían converterse en referentes das actividades culturais do concello no verán, ao achegaren ao seu espazo a danza e a música tradicionais, con concertos e obradoiros, actividades de divulgación científica, conferencias, representacións teatrais, etc.

Estas bibliopraias serían novos puntos de servizo da propia biblioteca municipal, que deste xeito se estaría dando a coñecer entre a poboación e atraendo usuarios e usuarias para o resto do ano. E ao tempo, o Concello proporcionaría un valor engadido ás nosas praias ao introducir nelas actividades culturais para todas as idades e inquietudes.

O BNG lamenta a desaparición do programa ‘Os libros ao sol’ e propón bibliopraias nos areais de Vigo