O BNG pide “audacia e determinación” para acometer a rexeneración do areal da praia de Samil

samil
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas valora positivamente a resolución da concesión do Camaleón, pero urxe o Goberno municipal a elaborar un proxecto integral para a acometer a rexeneración de Samil, que contemple duplicar a superficie da faixa de areal e o retranqueo dos servizos para recuperar as dunas.
O BNG pide “audacia e determinación” para acometer a rexeneración do areal da praia de Samil

Tras coñecerse o acordo da Xunta de Goberno Local de iniciar a resolución da concesión do estabelecemento hostaleiro Camaleón en Samil, o BNG valorou positivamente a decisión municipal. No entanto, o concelleiro Xabier P. Igrexas, demandou “audacia e determinación para acometer a  tarefa de cidade que temos pendente que é rexeneración integral da praia de Samil e a recuperación do seu sistema dunar”. 

Igrexas defende, tal e como sosteñen as expertas a nivel de enxeñería como na cuestión ambiental, que esa rexeneración pasa necesariamente por como mínimo duplicar a faixa do areal de Samil”. Unha actuación que esixiría “retranquear a actual liña de paseo e de servizos para levalos máis atrás, pero tamén repensar e racionalizar a cantidade de dotacións e servizos que podemos instalar en primeirisima liña de praia”. 

samil antes e agoraProxecto de rexeneración integral

O nacionalista demanda do Goberno municipal “algo máis que declaracións de intencións”. “Coincidimos na necesidade de actuar en Samil, é unha tarefa histórica que temos como cidade, pero o que ten que facer o Goberno é poñer en marcha medidas concretas, e a primeira é encomendar a elaboración dun proxecto para a rexeneración integral da praia de Samil”, acrecentou. Neste sentido, Igrexas demanda un proxecto que vaia alén de actuacións isoladas ou medidas parciais senón que recolla unha actuación completa para “reverter as agresións paisaxísticas e ambientais que supuxeron algunhas actuacións hai varias décadas” e que permita “que as viguesas e os vigueses teñamos moita máis praia nun areal tan emblemático e tan representativo como é Samil”.

O Bloque inscribe a necesaria rexeneración de Samil nunha estratexia para reconciliar a cidade co seu medio natural e na que ten unha grande importancia a recuperación e posta en valor do conxunto da faixa litoral. “Desde o BNG dicimos con absoluta rotundidade que o futuro de Vigo ou é verde ou non será. Nós queremos unha cidade sustentábel, reconciliada co seu medio natural e na que as agresións ambientais pasen a ser unha parte da historia remota da cidade”, enfatizou o edil nacionalista. 

O BNG pide “audacia e determinación” para acometer a rexeneración do areal da praia de Samil