O BNG propón implantar no Concello de Vigo un Plan de Pago Personalizado de impostos e taxas

IMG_20190621_101026
  • A iniciativa permitiría que todas as persoas físicas, as PEMEs e as entidades sen ánimo de lucro puidesen fraccionar até en doce mensualidades o pago dos impostos e taxas sen ningún tipo de recargo nin xuros.
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas defende esta medida, que xa se aplica noutros municipios, para reducir o esforzo económico das familias traballadoras. 
O BNG propón implantar no Concello de Vigo un Plan de Pago Personalizado de impostos e taxas


VIGO, 9 de agosto de 2019.- O Bloque Nacionalista Galego proporá dotar o Concello de Vigo dun Plan de Pago Personalizado para o abono de impostos e taxas. Desta maneira, todas as persoas físicas, as PEMEs e as entidades sen ánimo de lucro poderían fraccionar o pago dos tributos municipais en até doce mensualidades sen ningún tipo de recargo nin a aplicación de xuros. “Nunha situación de solvencia económica e financeira como a que atravesa o Concello é momento de facilitar o pago de impostos reducindo o esforzo económico que supón o seu abono”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas defendeu a implantacion dun Plan de Pago Personalizado, fronte as actuais modalidades de fraccionamento que esixen criterios moi restritivos e que limitan o número de pagos, para xeneralizar a posibilidade de pagar en até doce mensualidades os principais impostos e taxas (IBI, imposto de vehículos de tracción mecánica, taxa do lixo, etc). “A cidadanía está cumprindo coas súas obrigas, non hai motivo para non facer máis doado e cómodo o pago dos impostos e taxas municipais”, sostén. 

Esta iniciativa será trasladada dentro do conxunto de emendas que a fronte nacionalista vai presentar á proposta de Ordenanzas Fiscais aprobada polo Goberno e que prevé subas de até o 2,5%, por acima do incremento do IPC. As emendas do Bloque daranse a coñecer en detalle a inicios da semana próxima, mais Igrexas xa anticipou que “defenderán avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta”. 

O BNG propón implantar no Concello de Vigo un Plan de Pago Personalizado de impostos e taxas