O BNG reclama máxima transparencia e participación na elaboración do novo PXOM de Vigo

_A fronte nacionalista propón a creación dunha Mesa Local de Urbanismo coa participación do movemento veciñal, comunidades de montes, partidos políticos, sindicatos, comerciantes e outros sectores.

O BNG reclama máxima transparencia e participación na elaboración do novo PXOM de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamarlle ao Goberno municipal de Vigo que poña fin á “total opacidade” coa que se está a xestionar a elaboración e tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a cidade. Neste sentido, a fronte nacionalista demanda que os traballos se realicen coa “máxima transparencia” e contado coa participación da veciñanza. 

“É indefendíbel que a veciñanza de Vigo non teña nin a máis mínima información sobre un documento, o  PXOM, que vai definir como se ten que desenvolver a cidade nos próximos anos”, denuncia Serafín Otero, responsábel local do Bloque. A este respeito o dirixente nacionalista advirte que “non se pode gobernar de costas á cidadanía, aos barrios e as parroquias, e menos cando falamos do deseño urbano, da edificabilidade, pero tamén dos servizos e dotacións”. 

Desde a fronte nacionalista propoñen a creación dunha Mesa Local de Urbanismo que, coa participación do movemento veciñal, comunidades de montes, partidos políticos, sindicatos, comerciantes e outros sectores, evite perder “a oportunidade que para a cidade supón a elaboración do novo PXOM”. “Facer cidade, no presente e no futuro, é unha tarefa de todos e de todas, hai que contar con todas as voces, con todas as opinións”, sinalan, lamentando que o Consello sectorial da Xerencia de Urbanismo estea “absolutamente morto”. 

Oportunidade 

O BNG defende que o novo PXOM que aposte no deseño dunha cidade policéntrica e vertebrada desde os barrios e parroquias, ambientalmente sustentábel, con disciplina urbanística, coa máxima seguridade xurídica e que inclúa mecanismos de control máis abertos e participativos

Desde o BNG defenden que é urxente que Vigo dispoña dun novo Plan Xeral, que aposte no deseño dunha cidade policéntrica e vertebrada desde os barrios e parroquias, ambientalmente sustentábel, con disciplina urbanística, coa máxima seguridade xurídica e que inclúa mecanismos de control máis abertos e participativos. 


“O novo plan debe partir dun novo proceso de ampla participación social e veciñal, no que se recollan a opinión e propostas da veciñanza e das organizacións sociais. É preciso rachar o binomio urbanismo-especulación. Acreditamos en colocar as políticas urbanísticas e o seu planeamento ao servizo da satisfacción das necesidades sociais e da cidade no seu conxunto” sosteñen as nacionalistas.

De aí, que conciban a elaboración do novo  PXOM como unha verdadeira oportunidade para sentar as bases dun Vigo de futuro, mellor vertebrado, comunicado e dotado. “Ademais, o PXOM debe permitirnos avanzar cara a un Vigo sostíbel e verde, que se reconcilie co seu vizoso medio natural, cos montes, co río Lagares e co litoral”, acrecenta Otero.