O BNG de Vigo demanda a posta en marcha dun Plan Municipal de Animación á Lectura

  • A fronte nacionalista reclama tamén que o Goberno municipal colabore, destinando os recursos necesarios, para que os espazos e salas de lectura existentes nos centros veciñais e culturais da cidade fiquen abertos e accesíbeis a toda a veciñanza.
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas chama a avanzar en facer de Vigo “unha cidade lectora” e defende o libro como “chave e porta de entrada á Cultura”.
O BNG de Vigo demanda a posta en marcha dun Plan Municipal de Animación á Lectura

VIGO, 26 de xuño de 2019.- Na véspera da apertura da Feira do Libro de Vigo, o BNG demandou que o Concello de Vigo poña en marcha un Plan Municipal de Animación á Lectura. Así o reclamou o concelleiro Xabier P. Igrexas quen apostou porque a nivel municipal se “despregue un plan ambicioso para estimular o hábito da lectura, como hábito intelectualmente saudábel”. Igrexas, que defende avanzar para facer de Vigo unha “cidade lectora”, puxo en valor o “libro e a lectura como a chave e porta de entrada á Cultura no seu senso máis amplo”.

A fronte nacionalista, demandou tamén que desde o Concello se poñan os recursos necesarios para dinamizar os espazos e salas de lectura existentes en centros veciñais e culturais da cidade. “Vemos como en diferentes barrios e parroquias da cidade hai espazos de lectura en asociacións veciñais e centros culturais, nalgúns casos dotados cun importante volume de fondos bibliográficos e boas instalacións, que sen embargo fican sen apenas servizo ou mesmo fechados por causa de non disporen dos medios necesarios para telos abertos”, explicou o edil. Neste sentido, Igrexas, reclamou que o Goberno municipal colabore con estas entidades para poñer eses fondos bibliográficos ao servizo da veciñanza.

Igrexas encadrou estas medidas na perspectiva de desenvolver unha política cultural que “humanice de verdade a cidade”.