O BNG de Vigo demandará no Pleno solucións diante da “situación límite” dos bombeiros da cidade

2019-06-15 ActoProtestaBombeirosConcelloVigo05
[Imaxe: CIG]
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denuncia a inacción do Goberno municipal cando transcorreron 20 días de folga indefinida.
  • O BNG presentou unha moción de urxencia para o seu debate no Pleno deste mércores, reclamando que se atendan as reivindicacións do colectivo.
  • A fronte nacionalista esixe que se “deixe de xogar coa seguridade das viguesas e os vigueses”.
     
O BNG de Vigo demandará no Pleno solucións diante da “situación límite” dos bombeiros da cidade

O BNG de Vigo presentou esta mañá unha moción de urxencia para o seu debate na sesión plenaria deste mércores 4 de setembro, a respeito da situación límite que atravesa o colectivo de bombeiros da cidade. Cando se cumpren 20 días da folga indefinida, iniciada o pasado 14 de agosto, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou a inacción do Goberno municipal que se limitou a manter algúns contactos informais. A moción nacionalista reclama a apertura dunha Mesa de Negociación co Comité de Folga, a negociación da aplicación do decreto de permanencia,  a efectivización das OPE pendentes e que o Goberno informe no seguinte Pleno de durante cantas xornadas se incumpriu o mínimo de 20 efectivos operativos. 

Perante a situación de bloqueo no conflito laboral aberto co colectivo de bombeiros, por causa da falla de actuación do Goberno municipal, o BNG pretende coa moción que o Pleno da Corporación municipal poida pronunciarse a favor dunha resolución do mesmo. A este respeito, a fronte nacionalista alerta de que a folga non ten apenas un carácter laboral senón que afecta a un servizo público esencial de competencia municipal e que atinxe a seguridade cidadá. Emporiso, a moción nacionalista fundaméntase na reiterada denuncia da “situación límite” que se vive no corpo de bombeiros da cidade. Lembran que a falla de efectivos nun plantel que conta cun terzo menos das prazas que lle corresponden, agravado polo feito de que haxa até un 30% dos efectivos en situación de baixa polas pésimas condicións laborais marcadas por xornadas maratonianas de até 48h continuadas sen descanso. 

Igrexas faise eco tamén da denuncia presentada polo Comité de Folga perante a Inspección de Traballo, na que se acusa o Concello de estar a vulnerar os dereitos fundamentais dos traballadores municipais e poñer en risco a súa seguridade. Feito que, de se verificaren, serían da “máxima gravidade” para o edil nacionalista. 

“Por outra parte, o anuncio de incorporar 11 prazas para o servizo de bombeiros/as dentro da  Oferta Pública de Emprego aprobada pola Xunta de Goberno Local para este 2019 é, visto todo o anterior, unha medida abertamente insuficiente para resolver o conflito laboral, e o que é máis grave, para garantir o cumprimento estrito do mínimo de 20 efectivos operativos cada xornada que, segundo denuncia o Comité de Folga, non se está a cumprir”, recóllese na moción, na que tamén se advirte de importantes incumprimentos legais denunciados pola representación sindical e que atinxirían cuestión como a negociación colectiva, a conciliación laboral, a prevención de riscos ou a vulneración da directiva europea de Tempos de descanso. 

O Bloque pon o foco na aplicación do decreto de permanencia, “ilegal e abusivo” segundo apuntou Igrexas, que o único que provocou foi excesos de xornadas e unha palpábel desorganización do servizo.

Propostas

A moción nacionalista inclúe catro propostas de acordo. A primeira é instar o Goberno municipal a constituír de maneira urxente e inmediata unha Mesa de Negociación co Comité de Folga para resolver o conflito laboral que motivou a folga indefinida, iniciada o pasado 14 de agosto, atendendo as súas xustas reivindicacións. A segunda demanda a apertura dun proceso de negociación para consensuar a aplicación do decreto de permanencia, que non comprometa a operatividade do servizo e que garanta os dereitos laborais e a seguridade dos traballadores/as. En terceiro lugar reclaman executar coa maior celeridade e garantía as OPE pendentes, e  procurar e aplicar as fórmulas legais que permitan reforzar no inmediato o Corpo de Bombeiros/as co número de efectivos necesarios para atender as necesidades da cidade. 

Por derradeiro, o Bloque demanda que Goberno municipal dea conta no vindeiro Pleno (a finais do mes de setembro), a través dun informe detallado da Concellaría de Seguridade, do número de xornadas desde o 1 de xaneiro até a actualidade, nas que non se cumpriu o mínimo de 20 efectivos operativos, e permita o acceso dos concelleiros e concelleiras da Corporación aos cuadrantes de servizo para a súa consulta e cotexo.

“Con esta moción queremos que o Pleno desbloquee esta situación insostíbel e que se garanta a seguridade na nosa cidade”, resumíu Igrexas.

O BNG de Vigo demandará no Pleno solucións diante da “situación límite” dos bombeiros da cidade