O BNG de Vigo pide explicacións ao Goberno municipal polo feche das pistas de atletismo en setembro

  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denuncia que o concelleiro de Deportes faltou á verdade xa que non se consultou a todos os clubes. Tampouco se informou ao representante dos atletas nin á Federación.
  • O BNG advirte do grave prexuízo que esta decisión vai provocar sobre todo para as categorías inferiores e o atletismo de base.

 

  • A fronte nacionalista preguntará sobre que actuacións e obras se van realizar que xustifiquen o feche durante todo o mes. 
O BNG de Vigo pide explicacións ao Goberno municipal polo feche das pistas de atletismo en setembro

 O BNG de Vigo anunciou esta mañá que pedirá explicacións ao Goberno municipal polo feche durante todo o mes de setembro das pistas de atletismo de Balaídos.  

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denunciou que algunhas das manifestacións feitas desde a concellaría de Deportes “non se corresponden coa realidade nin se axustan á verdade”. Neste sentido, Igrexas apuntou o feito de que non se falase con todos os clubes a respeito deste feche, nin que tampouco se consultase ao representante dos atletas nin á Federación.

“Imos preguntarlle ao Concello de Vigo que actuacións e que obras van xustificar que estean fechadas e sen servizo as pistas de atletismo durante todo o mes de setembro”, anunciou o edil nacionalista. Igrexas trasladou que a versión que coñecen por boca dalgúns atletas e clubes é moi diferente á oficial ofrecida pola concellaría. “O que nos din é que o que se fixo foi pospoñer o feche que habitualmente se facía en agosto, entendendo que ía xerar menos prexuízos en relación ao calendario de competicións da categoría absoluta”, explicou.

“Hai unha cuestión fundamental e é porque o Concello non pode manter abertas as pistas de atletismo de Balaídos, que son as únicas da cidade, durante todo o ano?”, inquiriu o voceiro do Bloque, sinalando que o persoal que atende as instalacións é o do IMD. 

Prexuízos

A fronte nacionalista subliñou os graves prexuízos que esta decisión vai provocar no conxunto dos atletas, pero singularmente no caso das categorías inferiores. “As máis prexudicadas van ser as nenas e nenos, as mozas e mozos, do atletismo de base que non van poder facer uso das pistas para adestrar desde inicio de curso”, apuntou. 

Tamén padecerán esta situación as persoas que están a preparar as probas físicas para diferentes oposicións públicas, como policía ou bombeiros, e que fan uso destas instalacións.

“Hai unha evidente falla de comunicación e de consulta cos propios atletas e os clubes, pero tamén unha clara neglixencia na xestión que impide que se faga uso das pistas en pleno mes de setembro, algo que non tiña precedentes”, remachou.