O BNG de Vigo propón unha “biblioteca móbil” para promover a lectura en todos os barrios e parroquias

  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, critica que se estean a anunciar como bibliotecas espazos nos que só hai mesas e cadeiras e “cero libros e cero persoal bibliotecario”, como a sala de lectura de Navia.
O BNG de Vigo propón unha “biblioteca móbil” para promover a lectura en todos os barrios e parroquias


VIGO, 16 de setembro de 2019.- Diante da falla de vontade política do Goberno local para poñer en marcha a Rede municipal de bibliotecas, que o BNG iniciara no seu momento coa apertura da biblioteca Neira Vilas no Calvario, a formación nacionalista vén de propoñer que o Concello se dote dunha biblioteca municipal móbil que percorra os diferentes barrios e parroquias.

Así o anunciou esta mañá o concelleiro, Xabier P. Igrexas, quen criticou que se estean a anunciar como bibliotecas espazos que son apenas salas de lectura.  “A inauguración da sala de lectura no barrio de Navia é máis unha oportunidade perdida para seguir a desenvolver a rede municipal de bibliotecas que o Bloque quixemos iniciar coa biblioteca Neira Vilas no Calvario”, explicou. Igrexas cargou contra a confusión interesada que se está a facer por parte do Goberno municipal entre bibliotecas e salas de lectura afirmando que “o que hai en Navia é un espazo moi diáfano pero que só está dotado de mesas e cadeiras, cero libros e cero persoal bibliotecario, e cero oportunidades, polo tanto, de que nese barrio se promova a lectura para democratizar o acceso á cultura precisamente a través dos libros”. O edil nacionalista tamén referiu a perdida que supuxo suprimir a biblioteca coa que fora deseñada a recuperación da Casa do Patín de Bouzas e que foi substituída, como no caso de Navia, por apenas unha sala de lectura, e a desaparición do programa estival “Os Libros ao Sol”. 

O Bloque aposta por “potenciar de verdade o acceso ao libro” e para iso propoñen como “medida complementaria e, sobre todo, como paliativo diante deste deliberado desinterese polo libro do actual Goberno, que se poña en marcha unha biblioteca municipal móbil”.  Este servizo podería funcionar sobre unha “biblio-furgoneta” como a que xa existen noutras cidades a nivel internacional, e debería depender da biblioteca Neira Vilas. A idea sería que a biblioteca móbil percorrese os diferentes barrios e parroquias da cidade, por exemplo aproveitando a celebración de feiras e mercados ou outros eventos públicos.

Con esta proposta “en positivo”, segundo subliñou Igrexas, as nacionalistas queren “combater a política de desertización cultural que practica o Concello de Vigo e que ten no desprezo ao libro e á lectura o seu síntoma máis preocupante”.