PP e PSOE vetan a proposta de declaración institucional do BNG en apoio a Vulcano

[Ìmaxe: Galiciapress]
[Ìmaxe: Galiciapress]
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, acusa os populares de se sumaren aos “enterradores” do estaleiro e cualifica de “indecente e insultante” a negativa do PSOE que atribúe a unha “concepción enfermiza da institución municipal” e a “puro e duro partidismo”.
  • O bloqueo de PP e PSOE impide que no vindeiro Pleno se poida emitir a declaración, na que se expresaba apoio aos traballadores de Vulcano e se demandaba o compromiso das administracións competentes para manter a actividade e o emprego.
PP e PSOE vetan a proposta de declaración institucional do BNG en apoio a Vulcano

Na Xunta de Voceiros celebrada esta mañá, o PP e o PSOE vetaron a proposta de declaración institucional presentada polo BNG para que o Concello de Vigo expresase o seu apoio á continuidade da actividade e o mantemento do emprego no estaleiro Vulcano. 

Ambas as dúas forzas impedían desta maneira que a declaración se incorporase na orde do día do vindeiro Pleno, previsto para o mércores 25. Marea de Vigo si que expresou o seu apoio ao texto impulsado polo Bloque. 

O PP de Vigo súmase aos “enterradores” de Vulcano

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou con dureza este “veto e bloqueo”. “Non sorprende a posición do Partido Popular, que máis unha vez volve defender o indefendíbel, volve defender esa Xunta de Galiza que teima no abandono da cidade e nunha política industria que se traduce en desertización produtiva,  na perda do emprego e na ameza de que desaparezan actividade estratéxicas como o sector naval”, reprochou. “O PP de  Vigo volve aliñarse con Feixóo e pasan a engrosar a nómina de enterradores de Vulcano”, acrecentou o nacionalista.

Posición “indecente e insultante” do PSOE

Igrexas amosouse inda máis crítico coa negativa do PSOE a apoiar a proposta de declaración institucional, cualificándoa de “indecente e insultante”. Neste sentido, denunciou que  “o PSOE veta unha declaración institucional que o único que quería era promover unha posición de cidade, de conxunto, para enviar unha mensaxe clara a outras administracións e expresar o apoio aos traballadores de Vulcano por unha concepción enfermiza da institución municipal e da propia cidade, é por puro e duro partidismo”. 

“O único que lles molestou da declaración institucional foi que fose promovida polo Bloque Nacionalista Galego”, asegurou o portavoz nacionalista. Pérez Igrexas considera que esa negativa é “insultante, indecente e indigna”.

Para a fronte nacionalista é claro que a única motivación dese veto socialista é o partidismo dado que “curiosamente unha vez presentada a proposta de declaración institucional a alcaldía cita o Comité de Empresa para teren unha xuntanza a semana que vén, despois de estar meses e meses negándose a recibir a representación sindical dos traballadores de Vulcano”. “Que casualidade que cando o BNG queremos promover unha posición de cidade o  PSOE opta por envolver esta problemática desde unha perspectiva partidista e cutre”, ironizou Igrexas.

“Agardo que no vindeiro Pleno Abel Caballero pida desculpas aos traballadores e traballadoras de Vulcano, pida desculpas ao sector naval da cidade, pola súa negativa a que o Concello, a que a Corporación Municipal en nome de toda a cidade esixiramos o mantemento da actividade e do emprego nun estaleiro centenario como Vulcano”, demandou o edil do Bloque. 

Texto íntegro da declaración vetada

Reprodúcese deseguido o texto da proposta de declaración rexeitada por PSOE e por PP: 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN APOIO DA CONTINUIDADE DA ACTIVIDADE E DO EMPREGO NO ESTALEIRO VULCANO

Vulcano é un estaleiro centenario da nosa cidade que ao longo da súa Historia tivo un papel de grande relevo nunha actividade estratéxica para Vigo como é a construción naval. 

Diante da grave situación que atravesa e onde paira a ameaza real da súa inminente desaparición, o Concello de Vigo expresa o seu pleno apoio ao plantel de traballadores e traballadoras de Vulcano, que representa setenta empregos directos aos que se engaden outros case mil indirectos, reclamando que as administracións públicas competentes cumpran cos compromisos adquiridos co Comité de Empresa para a súa viabilidade e adopten con urxencia as medidas necesarias para asegurar a continuidade da actividade e do emprego neste estaleiro, e por extensión, na súa industria auxiliar. 

O Concello de Vigo ratifica o seu compromiso co desenvolvemento de todas as potencialidades produtivas da cidade, e singularmente no ámbito industrial, como garantía dun futuro próspero e con emprego digno e estábel.