Xabier P. Igrexas: A que lle teñen medo o PSOE e Caballero para tentar laminar o  BNG no Concello de Vigo?

  • O concelleiro do BNG anunciou que presentarán un recurso de reposición contra a decisión “arbitraria e antidemocrática” de designalo “concelleiro non adscrito” despois de negarlle o dereito a constituír Grupo Municipal.
Xabier P. Igrexas: A que lle teñen medo o PSOE e Caballero para tentar laminar o  BNG no Concello de Vigo?

VIGO, 27 de xuño de 2019.-  O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, deu conta esta mañá en rolda de prensa da resolución da Alcaldía, que lle foi comunicada ás 8:00h desta mañá mediante correo electrónico por parte do Secretario Xeral do Pleno, na que  se desestima a constitución de Grupo Municipal do BNG no Concello de Vigo e na que se lle designa “provisionalmente” como concelleiro non adscrito. O edil nacionalista cualificou esta resolución de “disparate contrario a Dereito” e de “atropelo antidemocrático”, toda vez que se lle aplica unha condición, a de concelleiro non adscrito, de maneira ilegal. Esa figura só está prevista para casos de transfuguismo nos supostos de que un edil abandone o grupo municipal da súa formación política ou de que sexa desvinculado deste polo seu Partido.

Medo do PSOE e Caballero

Igrexas xa anunciou que os servizos xurídicos do  BNG están a elaborar o recurso de resposición que presentarán nos próximos días perante unha decisión que, dixo, só busca “laminar a presenza do Bloque no Pleno da Corporación”. “O que ten que explicar o Alcalde é a que lle ten medo el e o seu grupo? Que temen tanto como para, a pesar da súa ‘maioría absolutísima’ intentar silenciar ao único concelleiro do BNG?”, inquiriu Igrexas. Para o nacionalista esta resolución, “disparatada en termos de legalidade”, só responde ao “pavor que lle produce a Caballero e ao PSOE que a veciñanza poida coñecer as alternativas do BNG”. “É claro que o noso retorno failles tremer, non só porque agora vai haber unha oposición real e construtiva, senón porque temos un proxecto alternativo á política oca e aparencial do actual goberno”, explicou durante a súa comparecencia.

Igrexas volveu exixir respeito cara a decisión democrática das viguesas e os vigueses que o pasado 26 de maio elixiron un Pleno da Corporación “máis plural e con máis voces”. “As 8500 persoas que votando BNG me fixeron concelleiro, teñen dereito a ter un concelleiro con plena capacidade de obrar, non unha fracción de concelleiro”, reiterou, reivindicando que como cargo electo “son tan concelleiro como Abel Ramón Caballero Álvarez, e as persoas que votaron BNG non son menos viguesas que aquelas que votaron PSOE”.

A condición de non adscrito fará que o BNG sexa a única das catro forzas con presenza no Pleno que non teña dereito a dispor de persoal de apoio, de asignación económica nin dun local propio na casa consistorial. Aliás, inda que o Regulamento Orgánico do Pleno si que estabelece o dereito a intervención dos edís non adscritos nas sesións plenarias non estabelece un tempo mínimo de intervención e ficará ao “arbitrio do propio Alcalde”.

A preguntas dos xornalistas, Igrexas explicou que desde que tomou posesión como concelleiro os únicos medios que lle foron facilitados polo Concello son un teléfono móbil e unha conta de correo electrónico corporativos. Neste sentido, ao non dispor de ningún espazo habilitado para poder acceder aos expedientes electrónicos a única opción que lle facilitou o grupo de Goberno foi acceder desde un ordenador portátil instalado nunha sala de xuntas do departamento de informática, ao efecto de poder descargar a documentación.

Impugnación da Xunta de Voceiros

Por outra parte, o portavoz nacionalista no Concello anunciou a presentación esta mesma mañá dun escrito de impugnación para deixar sen efecto a Xunta de Voceiros celebrada a última hora da mañá do pasado mércores, e todos os acordos e procedementos que dela se deriven.

Igrexas explicou que non foi convocado formalmente á mesma, cando aínda non se emitira resolución desestimando a súa condición de Portavoz do Grupo Municipal do BNG. A xuntanza decorreu ás 14:00 e a resolución de Alcaldía designándoo “non adscrito” foi asinada polo Secretario Xeral ás 14:18h. Ademais o nacionalista sostén que a súa convocatoria foi irregular ao vulnerar o prazo de preaviso fixado no Regulamento Orgánico do Pleno. A este respeito explicou que a  Xunta fora convocada con apenas dez minutos de antelación, en lugar das 48h preceptivas, e deu conta de que xa o pasado luns se intentou forzar unha reunión irregular que finalmente resultou desconvocada ao personarse na mesma.

Declaración de guerra

A preguntas dos xornalistas a respeito do posíbel impacto desta situación no Concello de Vigo nas conversas abertas entre a formación nacionalista e o PSdeG-PSOE de cara a hipotéticos acordos noutros ámbitos, e concretamente na Deputación de Pontevedra, Igrexas limitouse a sinalar que a  Executiva Nacional do Bloque está sendo informada de maneira permanente das “hostilidades” do PSOE vigués.

“A nivel provincial o PSOE non conta con maioría absoluta e vai precisar de apoios tanto para a investidura como para a aprobación dos orzamentos. Coa declaración de guerra que supón este atropelo antidemocrático contra o BNG na principal cidade da provincia e do País, é claro que vai ser moi difícil que se poida chegar a acordos”, advertiu. No entanto, cominou ao PSOE a rectificar e a abandonar a intención de “amordazar” o BNG en Vigo.