Xabier P. Igrexas: “O ministro Ábalos só trouxo a Vigo fume vello, apenas promesas sen concretar”

[Imaxe: Miguel Núñez / Xornal de Vigo]
[Imaxe: Miguel Núñez / Xornal de Vigo]
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que o ministerio de Fomento continúe dilatando cuestións importantes como conversión en tramo urbano da AP-9, a fin da peaxe Rande-Redondela, a conexión de alta velocidade ou a autovía alternativa á A-55 co Porriño.
  • "O compromiso con Vigo onde se ten que facer constar é no BOE, con decisións concretas, con financiamento e con execución do decidido", contrapoñen desde a fronte nacionalista.
Xabier P. Igrexas: “O ministro Ábalos só trouxo a Vigo fume vello, apenas promesas sen concretar”

Para o BNG de Vigo a visita do ministro de Fomento á cidade olívica foi un "bluff electoral". O candidato do Bloque ás vindeiras eleccións municipais, Xabier P. Igrexas, lamentou a falla de concreción nos compromisos. "O ministro Ábalos só trouxo a Vigo fume vello, con promesas sen concretar, reiterando o mesmo guión dos gobernos anteriores. Promesas, boas palabras, anuncios de estudos, pero nada concreto nin real", criticou.

Desde a fronte nacionalista denunciaron que a visita do ministro, que tivo máis un carácter preelectoral que institucional, se saldase sen ningún resultado verificábel. "Novamente vemos como o Goberno español limítase a prometer que vai facer informes pero máis nada", dixo Pérez Igrexas en alusión á demanda veciñal de conversión en tramo urbano da AP9 desde as Torres de Padín, e non desde Bos Aires como apuntou o ministro. En relación á autoestrada para Igrexas resultou "moi indicativo que Ábalos fuxise de concretar nada a respeito de cando se vai quitar a peaxe entre Rande e Redondela, nin por suposto sobre a transferencia da AP-9 para que pase a ser de titularidade pública galega". Tampouco se puxo acima da mesa "nada substancial" sobre a autovía alternativa á A-55 que une a cidade co Porriño.

Tren

En relación á conexión directa en tren de alta velocidade coa Meseta, o candidato nacionalista reprochou que novo goberno repita os mesmos "anuncios ocos" que o anteiror. "Agora falan novamente da variante de Cerdedo, pero para dicir que hai que facer un novo informe ambiental que é maneira técnica de dicir que a cousa vai seguir indo para longo. Por iso resulta ofensivo que volvan insistir no prazo do ano 2020. Quen pode crer que iso é algo máis que un novo patadón para adiante?", reprochou Igrexas. Aliás, a fronte nacionalista volveu poñer o foco na ausencia "total de respostas" en relación a cuestións tan importantes e urxentes como a mellora da conexión de media distancia, a posta en marcha do tren de proximidade (cercanías) ou a conexión sur con Porto.

"O compromiso con Vigo onde se ten que facer constar é no BOE, con decisións concretas, con financiamento e con execución do decidido" enfatizou o candidato nacionalista, quen lamentou que Abel Caballero "en lugar de defender de verdade os intereses da cidade celebrase os fogos de artificio do ministro".