Xabier P. Igrexas: “Temos que facer dos montes de Vigo unha cuestión de cidade e unha tarefa de todos e todas”

Xuntanza coas comunidades de montes de Vigo
Xuntanza coas comunidades de montes de Vigo
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro con representantes das Comunidades de Montes da cidade a quen trasladou os eixos básicos da súa proposta para protexer e poñer en valor o monte.
  • Ás portas do aniversario da brutal vaga de lumes que arrasou un terzo da superficie forestal da cidade, o BNG reclama medidas para aumentar a protección do monte fronte ao lume. 
Xabier P. Igrexas: “Temos que facer dos montes de Vigo unha cuestión de cidade e unha tarefa de todos e todas”

 Vigo ten un cinto verde que totaliza 16 millóns de metros cadrados. Elevar a protección e promover a posta en valor dos montes da cidade é un obxectivo fundamental para o Bloque Nacionalista Galego. Así llelo trasladou a representantes das Comunidades de Montes e da súa Mancomunidade, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante un encontro realizado a última hora da tarde de onte en San Andrés de Comesaña. 

Pérez Igrexas, que estivo acompañado polo responsábel local da formación nacionalista, Serafín Otero, e polo ex concelleiro Henrique Vieitez, debullou as liñas básicas sobre as que o Bloque aspira a desenvolver un programa integral para a recuperación do monte e a súa posta en valor tanto nos planos ambiental, económico e social. O candidato defendeu a necesidade de avanzar cara unha visión “integral” do monte, que loite contra a súa fragmentación, estabelecendo programas con actuacións estábeis e duradeiras sobre unha planificación de longo prazo. 

Igrexas demandou dotar de máis recursos técnicos e materiais a xestión do monte, e apostou na posta en marcha de iniciativas destinadas a diversificar o aproveitamento dos recursos forestais, promover a biodiversidade, protexer o patrimonio cultural e acrecentar o “uso social” do monte. “A nosa aposta por un Vigo verde pasa pola urxente necesidade de reconciliar a cidade non só coa súa faixa litoral senón tamén co seu pulmón forestal”, explicou. Para o candidato nacionalista “un monte con futuro require poñer en marcha tamén proxectos de investigación e innovación”.

En resumo, a aposta do BNG é “entender o monte como unha cuestión de cidade”. “O monte ten que deixar de ser visto como un ‘problema’ das comunidades de montes, senón como unha tarefa de todos e de todas, das administracións públicas e tamén da cidadanía”, enfatizou Igrexas.

Falla de implicación da Xunta

montes03No encontro foi unánime a denuncia da falla de apoio e implicación da Xunta de Galiza co monte. Nese sentido, Igrexas criticou que ademais de “falta de recursos e dunha pésima xestión o problema real é que a Xunta do Partido Popular non ten vontade política para defender o monte galego, todo o contrario, como demostra a revisión do Plan Forestal que promoven e que insiste nun modelo de monte insostíbel e pirófito”. 

Emporiso, o candidato do BNG considera “imprescindíbel” aumentar o apoio do Concello de Vigo ás Comunidades de Montes en Man Común, por ser entidades que prestan un “servizo público de grande importancia xestionando o monte para o poñer ao servizo de todos os viguesas e todas as viguesas”. No concreto, volveu demandar que se eleve a partida orzamentaria dedicada ao Plan Municipal de Emprego até os 3 millóns de euros, tal e como reclamou a formación nacionalista nos últimos anos a través das súas emendas aos orzamentos municipais. “Grazas ao Plan Municipal de Emprego que impulsou o BNG en 2012 as Comunidades de Montes comezaron a recibir apoio económico, pero despois da brutal vaga de lumes do ano pasado que afectou un terzo da superficie forestal da cidade hai que aumentar substancialmente esa axuda e estabilizala para que se poidan poñer en marcha programas e actuacións durante todo o ano e non apenas durante uns meses”, defendeu Igrexas. 

O Bloque partilla a reivindicación da Mancomunidade de Montes de Vigo de reforzar o papel das comunidades e tamén recoñecer o seu papel como interlocutor a nivel institucional. “É evidente que unha entidade que representa algo tan importante como o monte ten que estar presente nos organismos consultivos do Concello, a principiar polo Consello Social da Cidade”.

Aumentar a protección contra o lume

montes04A poucos días de se celebrar o fatídico aniversario da vaga de lumes de outubro de 2017, Xabier P. Igrexas urxiu o Concello de Vigo a poñer en marcha medidas que aumenten a protección do monte. Neste sentido, o candidato nacionalista expresou o seu apoio á proposta da Mancomunidade de Montes de crear “liñas de defensa” nos lindes exteriores do monte, especialmente no sur da cidade, e que se complementen co proxecto de anel verde. “Hai que anticipar a defensa do monte fronte ao lume, non só para evitar que poña en risco as vivendas senón para protexer a súa masa forestal”, razoou. Por outra parte, a fronte nacionalista demandou que se colabore coas comunidades de montes para as dotar de máis medios propios que faciliten o combate do lume, como a posíbel instalación de depósitos de auga. 

Igrexas lamentou que un ano despois o Goberno municipal non teñan feito “absolutamente nada” para revisar os dispositivos e planos de emerxencia fronte ao lume na cidade. “Hai un ano comprobamos como tivo que ser o compromiso heroico da veciñanza o que nos permitiu frear o lume, por iso é incomprensíbel que non se teña posto en marcha un plan de continxencia específico para os lumes forestais dentro do termo municipal de Vigo”, criticou.