Xabier P. Igrexas: “En Vigo o  Concello non ‘humaniza’, apenas inaugura”

Aspecto da praza da Tellada
Aspecto da praza da Tellada
  • O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, denuncia a falla de mantemento de varios espazos públicos na contorna das Travesas.
  • Igrexas demanda que o goberno local actúe nas rúas e prazas dos barrios “para alén do día da inauguración dunha obra”.
Xabier P. Igrexas: “En Vigo o  Concello non ‘humaniza’, apenas inaugura”

O BNG de Vigo denuncia a falla de mantemento de varios espazos públicos na contorna das Travesas, como a praza da Tellada, a praza de América e a praza da Independencia. Para o candidato do Bloque ás vindeiras eleccións municipais, Xabier P. Igrexas, esta situación é unha mostra de que “en Vigo o Concello non ‘humaniza’ senón que se limita a inaugurar obras”. A este respeito, Pérez Igrexas demandou que o goberno local actúe nas rúas e prazos dos barrios durante todo o ano. 

PrazaIndependencia04PrazaIndependencia03PrazaIndependencia01

No caso da praza da  Tellada, coñecida como da ‘Miñoquiña’, a veciñanza padece un estado calamitoso de conservación, por falla de limpeza, presenza de cristais rotos, ausencia de valados de protección e o un mal mantemento do parque infantil. Pola súa banda, a praza da Independencia carece dun mantemento axeitado e o máis grave é que os vehículos privados están a ocupar o espazo peonil, tanto como aparcamento como para circular. “Vemos como unha praza que foi emblema dun modelo de cidade pensado para as persoas, que o BNG impulsamos con valentía, agora é vítima do desleixo municipal”, critica Igrexas que advirte que a situación non pode continuar así nin agardar a que se materialice o anunciado “remozado” da praza. 

PrazaTellada04PrazaTellada03PrazaTellada02

A situación da praza de América non é mellor, tanto polo estado das beirarrúas que a circundan, a falla de actuacións na contorna da praza do Emigrante ou a elevada conxestión de tráfico. Aliás, os valados perimetrais dos institutos Santo Tomé e Santa Irene continúan sen ser reparados, a pesar dos reiterados anuncios e promesas do alcalde. En relación á anunciada intervención na praza de América, o candidato do BNG criticou a falla de “transparencia e diálogo coa veciñanza”. “Unha praza que é un verdadeiro nodo urbano que vertebra un dos centros da cidade non se pode reformar sen informar e dialogar coas veciñas e os veciños e co sector comercial”, asegurou. 

Igrexas demandou “valentía e audacia para facer que as humanizacións sexan moito máis que renovar pavimentos”. “Humanizar de verdade sería apostar por unha cidade con máis espazo peonil, para as persoas, pero para iso hai que pular por reducir o uso do vehículo privado cun transporte público decente”, acrecentou.