O BNG celebra o aumento de preto dun 40% dos votos en Vigo este 10N

WhatsApp Image 2019-11-10 at 23.22.19
  • O candidato número 2 pola circunscrición de Pontevedra,     o vigués Xesús L. Carreira, valorou que se atinxiron os tres obxectivos do Bloque: “Frear a ultradereita, sumar moitos máis apoios en Vigo e que Galiza recupere voz propia en Madrid”.
  • A fronte nacionalista atinxiu preto de 10 mil votos o que supón un incremento do 38% en relación aos comicios do 28A.
 O BNG celebra o aumento de preto dun 40% dos votos en Vigo este 10N

Ás 22:45 da noite e cando xa estaba escrutado máis do 95% dos votos na cidade de Vigo, o candidato número 2 pola circunscrición de Pontevedra, o vigués Xesús L. Carreira, compareceu na sede do Bloque en Vigo para valorar os resultados obtidos. Carreira, acompañado polo portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, pola exdeputada, Olaia Fernández Davila, e por integrantes da candidatura, salientou que o BNG atinxiu os tres obxectivos políticos que se fixara para os comicios deste 10 de novembro.

SAVE_20191110_231911“Logramos frear á ultradereita españolista, impedindo que Vox obtivese representación por Galiza”, proclamou provocando un forte aplauso das varias decenas de militantes e simpatizantes congregados na sede. O candidato tamén subliñou o que estes resultados “confirman que o BNG está á alza en Vigo colocándose de novo en case 10 mil votos”. No entanto, para Carreira o fundamental desta noite electoral de celebración foi que “Galiza recupera unha voz propia en Madrid para defender as traballadoras e os traballadores, o estudantado, as pensionistas e a mocidade deste País”. Por derradeiro, quixo agradecer “o enorme traballo realizado pola militancia do BNG e o apoio de moitos simpatizantes durante a campaña”.

O BNG segue a medrar na principal cidade de Galiza

Para o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, os resultados deste 10N confirman que “o nacionalismo galego segue a medrar na principal cidade de Galiza”. Neste sentido, Igrexas  sinalou o feito de que o Bloque aumentase en Vigo por volta do 40% os votos recibidos nas eleccións do pasado 28 de abril, nun contexto no que a participación xeral descendeu 7 puntos.

“Hoxe temos moito que celebrar. Despois de recuperarmos a presenza no Concello de Vigo, o voto decisivo do BNG en Madrid vai ser a garantía de que as necesidades de Vigo e do conxunto de Galiza deixen de ser ignoradas no Estado”, asegurou o portavoz municipal nacionalista.

 O BNG celebra o aumento de preto dun 40% dos votos en Vigo este 10N