O BNG promoverá o ensino público en Vigo e compromete a creación de 3 novas escolas infantís municipais

foanpas bng 02

_O Bloque quere que o Concello se implique de verdade en promocionar activamente a matriculación nos centros públicos, poñendo fin á “política de ambivalencia” practicada nos últimos catro anos nos que se equiparou a oferta pública coa privada-concertada, mesmo de centros dirixidos por confesións relixiosas. 

_“Temos que facer un esforzo por avanzar no que non se avanzou nestes últimos catro anos, nos que non se creou nin unha soa nova praza nas escolas infantís públicas pola falla de vontade de Goberno municipal do PSOE e tamén da  Xunta do Partido Popular”, defende o candidato nacionalista, Xabier P. Igrexas.

O BNG promoverá o ensino público en Vigo e compromete a creación de 3 novas escolas infantís municipais

O BNG mantivo esta mañá un encontro coa Federación Olívica de Asociacións de Nais en Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (Foanpas) para trasladarlles as propostas en materia educativa que a fronte nacionalista incluíu no seu programa electoral de cara aos comicios municipais do vindeiro 26 de maio. Xabier P. Igrexas manifestoulle á directiva da federación a súa aposta decidida polo ensino público e de calidade.

Igrexas enfatizou o compromiso firme do BNG por apostar claramente polo ensino público na cidade olívica. “Temos que acabar con esa política de ambivalencia do goberno municipal nestes últimos catro anos de equipar na práctica a escola publica coa escola privada-concertada”, denunciou o candidato. A este respeito afirmouse contrario a que no “sitio web do portal escolar municipal se promocione, se difunda e se dea publicidade igual á oferta de prazas na escola pública que a oferta de prazas de centros privados e concertados, algúns deles dependentes incluso de confesións relixiosas. “Nós si apostamos sen complexos polo ensino público e por iso desde o BNG defendemos que o Concello se comprometa de verdade en potenciar e promocionar que as familias viguesas matriculemos as nosas fillas e fillos nos colexios públicos da cidade”, acrecentou.

Máis escolas infantís públicas

Igrexas reclamou  como unha “necesidade urxente” o aumento da oferta de prazas públicas na educación infantil afirmando que “non pode ser que como está sucedendo anos tras ano, 2 de cada 3 solicitudes de praza queden sen ela por falta oferta pública”. “É necesario avanzar no que non se avanzou nos últimos catro anos, período no que non se creou nin unha soa praza pública en infantil”, denunciou.

Con ese obxectivo, o Bloque comprométese a que nos vindeiros 4 anos se poña en marcha 3 novas escolas infantís municipais e a exixir que a Xunta de Galiza abra outras 3 novas escolas en outros puntos da cidade, para atender o conxunto do territorio de Vigo.

Consellos escolares con máis peso

Para mellorar o ensino público Xabier P. Igrexas ve moi importante incorporar de maneira efectiva á comunidade educativa na xestión e na planificación para o que propoñen que o Consello Municipal de  Educación deixe de ser un órgano de deliberación ou meramente consultivo e pase a ser un órgano con capacidade de participar na toma de decisións. “A cidade non necesita organismos ornamentais, queremos participación real e efectiva, e por iso apostamos por un novo regulamento de participación cidadá para que consellos como o consello escolar municipal  se convertan en espazos de co-decisión, con funcións e competencias reais”

O regreso do BNG, tamén nas enquisas

 A preguntas dos medios sobre as últimas enquisas publicadas coincidindo co inicio da campaña electoral, Xabier P. Igrexas valorizou que  demostran hai un crecente apoio social no proxecto en positivo que propón o BNG. “Nós sempre lemos as enquisas con enorme respeito pero tamén con moita prudencia, pero o que si están a apuntar con claridade é que o BNG imos volver estar no Concello a partir do 26 de maio”, apuntou.

Aliás, o candidato nacionalista volveu insistir na mensaxe de apertura e suma para lograr que o regreso do Bloque se materialice desde unha posición de forza. “Estamos convencidas e convencidas de que temos un proxecto de futuro en positivo para a cidade, con propostas para darlle un novo impulso á cidade de Vigo. Un proxecto que vai sumar a moitos millares de viguesas e vigueses que non só van garantir que volvamos estar no pleno da corporación senón que o BNG teñamos unha forza importante e determinante que vai ser clave para facer que o Concello atenda os problemas e as necesidades reais das viguesas e os vigueses”, argumentou.  

O BNG promoverá o ensino público en Vigo e compromete a creación de 3 novas escolas infantís municipais