Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que ofrecerlle moito máis á mocidade de Vigo que selfies co alcalde de turno”

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo defende recuperar os programas xuvenís suprimidos e poñer en marcha unha Rede de Espazos Xuvenís nos barrios e parroquias.

A fronte nacionalista aposta por dedicar máis esforzos desde o Concello para posibilitar que a mocidade se emancipe e poida emprender o seu proxecto de vida, con políticas no ámbito do emprego e a vivenda

Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que ofrecerlle moito máis á mocidade de Vigo que selfies co alcalde de turno”

Un dos eixos programáticos máis importante para o BNG é o que ten a ver coa mocidade. Desde emprego ata promoción de igualdade, pasando por servizos básicos como o transporte urbano ou a saúde ata a promoción da cultura urbana ou o acceso á vivenda. O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, participou hoxe nun Encontro con Mocidade onde presentou as principais liñas programáticas en materia de políticas xuvenís.

SAVE_20190519_173923O candidato nacionalista sinalou a importancia de crear unha verdadeira alternativa de ocio para a mocidade, despois de presenciar durante os últimos catro anos a desaparición de programas xuvenís e servizos como o Súbete ao Castro, o Punto Xove ou o desmantelamento da Casa da Xuventude. “O Concello de Vigo ten que ofrecer moito máis á mocidade que a posibilidade de facerse selfies co alcalde de turno”, denunciou o candidato do Bloque. Igrexas engadiu que non houbo ningún esforzo estes últimos anos por parte do goberno municipal en manter a oferta nin de aumentar os servizos senón que o que se fixo todo o contrario “desmantelar, botar o peche e desertizar a cidade en materia de política xuvenil”. Pero hai máis exemplos como a Casa da Xuventude, “que non ofrece ningún programa para as mozas e os mozos. Toda a política xuvenil do Concello de Vigo está reducida aos campamentos de verán”, resumiu.

Nese sentido, o candidato á alcaldía de Vigo remacha que é necesario volver reactivar eses programas pero tamén insistir no esforzo poñendo en funcionamento unha rede de espazos xuvenís en toda a cidade que fagan partícipes tamén a mozas e mozos que poidan decidir que facer ou que servizos se poden prestar: “As mozas e os mozos teñen que ter alternativas reais de lecer que non sexa o consumo privado ou o botellón”, destaca o candidato da fronte.

Emprego digno e con dereitos

SAVE_20190519_173932Para Xabier P. Igrexas o Concello de Vigo ten que comprometerse a serio en facilitar a emancipación da nosa mocidade, para que poidan emprender os seus proxectos de vida propios. Recorda que vivimos nunha cidade con máis do 50% de desemprego xuvenil que segue a expulsar a centos de mozas e mozos, dunha das xeracións máis preparadas, puntualiza,  á emigración: “O único emprego que se crea é o temporal con salarios mínimos que non permiten subsistir de ningunha das maneiras e con contratos moitas veces a media xornada”, denuncia

“O noso proxecto non é so duplicar o plan municipal de emprego ou redimensionar o Vigo Emprega aumentando o tempo de contratación, senón que tamén vemos necesario despregar un plan de choque contra o desemprego xuvenil que inclúa medidas como a posta en marcha dunha sementeira de proxectos de autoemprego, cooperativos e ligados a actividades tecnolóxicas ou de innovación”, propón o candidato nacionalista. “Temos que poñer en marcha unha liña de microcréditos municipais que axuden á mocidade a emprender e que o Concello tamén axude á apertura de espazos de co-traballo, máis coñecidos como coworking, para abrigar e dar un maior apoio a estes proxectos”, expón.

Acceso e dereito á vivenda

“Vivimos na cidade cos alugueres máis caros de toda Galiza”, recorda Xabier P. Igrexas, “unha cidade privativa na que ninguén pensa xa en adquirir unha vivenda, dende logo non coas condicións laborábeis actuais nas que é impesábel mesmo que a mocidade poida hipotercarse a 40 anos”, denuncia o candidato. E recorda que temos unha cidade con 18.500 vivendas baleiras onde o fundamental é facilitar o seu acceso social. Para iso propón poñer en marcha un parque municipal de vivendas sociais onde haxa un programa especifico de alugueiro social pensado precisamente na mocidade: “Trátase de facilitar o acceso a un ben esencial se queremos que as nosas mozas e os nosos mozos poidan exercer o seu dereito a ter unha vida digna na súa cidade”, remachou o candidato á alcaldía.