Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo ten que ser un axente activo na normalización e promoción do galego" 

_O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, participou da manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego na que participaron máis de 2 mil persoas.
_“PP e PSOE, na Xunta e no Concello, coinciden en reducir a defensa da lingua galega a unha cuestión ritual e ceremonial. Nós dicimos que hai que apostar polo noso idioma non só o 17 de maio, senón todos os días do ano” defendeu Igrexas.

Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo ten que ser un axente activo na normalización e promoción do galego" 

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, participou esta mañá na manifestación convocada na cidade pola plataforma cidadá Queremos Galego e na que tomaron parte máis de 2 mil persoas. Ao remate da marcha, Igrexas criticou o “maltrato e abandono” que padece a lingua propia de Galiza por parte dos gobernos galego e municipal. “PP e PSOE, na Xunta e no Concello, coinciden en reducir a defensa da lingua galega a unha cuestión ritual e cerimonial. Nós dicimos que hai que apostar polo noso idioma non só o 17 de maio, senón todos os días do ano”, reprochou.

SAVE_20190517_141542Igrexas reclamou que o Concello de Vigo se converta “nun axente activo na normalización e promoción do galego na nosa cidade”. Neste sentido, a súa primeira demanda é que que se cumpra de maneira efectiva a ordenanza de normalización lingüística en vigor no Concello de Vigo, facendo que o galego sexa lingua vehicular de toda a actuación municipal e tamén a lingua na que se exprese a institución. “Vemos como o alcalde só lembra do galego o día das letras ou na saída do Correlingua, e unicamente a utiliza a nivel institucional cando preside os plenos”, criticou.

No concreto, a fronte nacionalista aposta por aumentar substancialmente a presenza pública do noso idioma en todo tipo de actividades. Igrexas volveu denunciar a “exclusión permanente da música galega e en galego” das programacións municipais. “O último cartel das festas de verán volve ter un claro denominador común: a nosa música non existe”, sinalou. Hai uns días o candidato nacionalista fíxolle chegar polas redes sociais ao aspirante socialista unha lista de Spotify con 60 temas de 31 grupos e artistas galegos. “Quero confiar en que Caballero exclúe a música galega por descoñecemento e ignorancia e non por deliberado desprezo, por iso lle pasei unha pequena escolma da potencia musical deste País, para que escoite e aprenda”, ironizou.

Outro dos ámbitos nos que Igrexas defende un maior compromiso co galego son as escolas infantís municipais. “Non pode ser que as nosas escolas infantís non despreguen actividades e accións para facilitar que as nosas crianzas poidan medrar en galego”, defendeu lembrando que na cidade só a escola da cooperativa Semente, con 12 prazas e sen ningunha axuda pública, permite a escolarización integramente en galego algo que non sucede en ningunha escola pública, nin municipal nin da Xunta.

Liberdade para usar o galego

O candidato nacionalista fixo propia a reivindicación da plataforma Queremos Galego para este ano e que se resume na consigna de “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”. “Eu son neofalante, até os 12-13 anos falaba só en español. E a única decisión libre e consciente que puiden tomar na miña vida a respeito da lingua foi pasarme o galego. Ninguén me preguntara, como ninguén lle pregunta hoxe á mocidade desta cidade, en que idioma se imprimen todos os xornais impresos que hai nos quiosques, en que idioma lle fala a radio ou a televisión, en que idioma te atenden no comercio ou na cafetaría, en que idioma está a música que escoitan as túas amizades, os filmes que vas ver ao cinema ou as series que ves”, explicou. Emporiso, Igrexas defendeu que “o mellor xeito de promover a liberdade real é promocionar o galego en todos os ámbitos, fronte a unha abafante situación de invisbilización”.

O BNG tamén promoverá que o Concello de Vigo despregue medidas concretas para garantir os dereitos lingüísticos dos e das galego falantes fronte a calquera situación de discriminación. “Queremos que ningunha moza ou mozo teña que volver traducir o seu curriculum ao castelán, ou evitar usar o galego nunha entrevista, para poder lograr un posto de traballo”, reivindicou.

“Diante desta vaga de españolismo, cada vez máis ultra e reaccionario, que a veces se disfraza de hiperlocalismo algo paleto, eu que son vigués de Balaídos quero reivindicar precisamente hoxe que sermos viguesas e vigueses non é nada máis, nin nada menos, que o xeito de sermos galegas e galegos en Vigo. E se somos galegas e galegos é, como dixo Castelao, por obra e graza do noso idioma”, concluíu Igrexas.