GALEGAS 2020

Bará propón a creación dun Sergas Social para a atención á discapacidade, á dependencia e ás persoas maiores

O cabeza de lista do BNG reuniuse hoxe en Vigo coa Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral, ante a que defendeu a necesidade de garantir o financiamento público da atención socio sanitaria

Defendeu a urxente apertura dos centros de día para que as persoas usuarias reciban atención especializada e dar respiro ás familias  

Bará propón a creación dun Sergas Social para a atención á discapacidade, á dependencia e ás persoas maiores

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Vigo que o Bloque impulsará dende o goberno galego a creación dun Sergas Social para a atención á discapacidade, á dependencia e ás persoas maiores. Así o indicou nun encontro con representantes da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), ante a que defendeu a necesidade de garantir o financiamento público da atención sociosanitaria.

Na reunión celebrada con APAMP na residencia do barrio de Navia en Vigo -na que tamén participaron as candidatas Alexandra Fernández e Carmela González, así como o portavoz municipal Xabier P. Igrexas-, Bará presentou a batería de propostas do BNG en materia de discapacidade e dependencia. O cabeza de cartel destacou que a iniciativa ‘estrela’ pasa pola creación do Sergas Social, un servizo galego de benestar con financiamento público cen por cen, xa que segundo subliñou “está relacionado co colectivo que debería ter máis atención e apoio e preocupación da administración e da Xunta de Galiza”.

“Estes servizos non poden estar en mans privadas. Nestes momentos hai moitas asociacións que tiveron que facer un grande esforzo para cubrir o baleiro da administración, que non presta atención. E está claro que hai ámbitos como as residencias de persoas maiores que están en mans privadas de fondos especulativos que o único que procuran é o lucro e o beneficio na atención ás persoas maiores cos dramáticos resultados que vimos nesta pandemia da COVID-19. Hai que cambiar totalmente o modelo”, subliñou o nacionalista.

Bará apostou pola necesidade de desenvolver unha política integral de atención á discapacidade e á dependencia con máis recursos públicos. Reclamou tamén que o Estado pague “o que lle corresponde” no financiamento destes servizos, abonando a débeda de 227 millóns de euros que ten pendente coas arcas galegas. “Un goberno do BNG na Xunta, dende logo, plantarase e plantaralle cara ao goberno central para que asuma a débeda e poder financiar estes servizo”, dixo.

Así mesmo, plantexou a urxencia de que se axilicen todas as tramitacións que teñen que ver co recoñecemento da discapacidade e da dependencia, que nestes momentos están completamente atascadas por problemas de falta de medios e persoal que hai que reforzar.

O cabeza de lista por Pontevedra destacou que o BNG terá dende o goberno da Xunta unha visión integral de todos os servizos que teñen que ver coa discapacidade e dependencia de maneira que se atenda tanto os centros de día e aos centros de persoas en residencias, como tamén á formación e ao ámbito educativo que ten moitas deficiencias. “Hoxe constatamos que non hai equipos educativos multidisciplinares, que teñen que ser creados polas propias asociacións”, apuntou.

Outro fundamental, segundo subliñou Bará, “é a integración social e laboral onde hai moito traballo por facer, comezando polas propias administracións que teñen que ir pouco a pouco dotando as prazas que establece a lei de reserva para persoas con discapacidade”.

Por outra parte, Bará tamén fixo referencia á necesidade de apertura dos centros de día que a día de hoxe seguen pechados. Subliñou que son necesarios tanto pola necesidade de atención especializada ás persoas usuarias como para dar respiro ás familias e criticou que a Xunta de Galiza estea preocupada e autorice a volta das verbenas, pero non dea solución para unha situación coma esta que está a crear moitas complicacións ás familias galegas.

Lembrou o candidato que o BNG “no seu momento cando estivo no goberno da Xunta demostrou que tiña unha preocupación e doulle un impulso ás políticas do benestar e agora faremos o mesmo dirixindo a Xunta de Galiza”. Insistiu que nun momento como o actual é preciso apostar por un cambio galego para dirixir o país, e salientou a boa posición do Bloque para erixirse, con Ana Pontón como líder, como forza alternativa ao Partido Popular e ao centralismo madrileño. “É o momento de facer historia e poñer á fronte do Goberno galego unha muller nacionalista como Ana Pontón. Iso diría moito do que Galiza quere para o seu futuro”, finalizou.

Bará propón a creación dun Sergas Social para a atención á discapacidade, á dependencia e ás persoas maiores