O Bloque apoia a creación da nova cidade deportiva pero reclama que teña “custo cero para a cidade”

O Bloque apoia a creación da nova cidade deportiva pero reclama que teña “custo cero para a cidade”

Os concelleiros nacionalistas Santi Domínguez e Xabier Alonso expresaron hoxe o apoio do BNG á construción da nova cidade deportiva para o Celta en Valadares. Porén, defenderon que a posta en marcha destas instalacións non pode supoñer ningún custo para Vigo e que o proxecto comtemple espazos abertos para a utilización de toda a veciñanza.

“Somos pequenos accionistas do Celta pero por riba somos responsables políticos, polo que cremos que é bo que o Concello de Vigo colabore, pero defendemos que debe ter custo cero para a cidade”, salientou Santi Domínguez. Segundo explicou “a colaboración ten que darse co Concello de Vigo, que ten que expropiar os terreos, e o Celta ten que devolver esa expropiación en concepto de canon”.

O concelleiro do BNG manifestou que outra condición para que se constrúa a cidade deportiva para o Celta é que o proxecto incorpore un espazo deportivo público para toda a cidadanía viguesa. “Cómpre aproveitar o investimento para que a zona teña tamén uso público da zona deportiva”, defendeu.

Terreo no PXOM

Por outro lado, Santi Domínguez expresou o respaldo do Bloque á ubicación do proxecto nos terreos escollidos. A este respecto lembrou que foi o propio BNG quen, ao longo da tramitación do documento, impulsou a reserva de terreos no PXOM para usos deportivos e dotacionais neste espazo. “Non é bo que ninguén se poña medallas”, engadiu Xabier Alonso.

Alonso tamén fixo fincapé en que o goberno local debe adquirir o compromiso de que o campo de Barreiro sexa para o Gran Peña e que o resto das as instalacións da Madroa se destinen a potenciar o fútbol de base. “Aplaudimos esta nova proposta como boa solución para o club e para potenciar a vinculación co deporte de base, que debe pasar pola implicación de todas as administracións”, concluiu.

O Bloque apoia a creación da nova cidade deportiva pero reclama que teña “custo cero para a cidade”