O Bloque defende a unión das empresas navais da ría nun holding para sumar esforzos

O Bloque defende a unión das empresas navais da ría nun holding para sumar esforzos

O BNG pregunta ao goberno galego que pensa facer para que Pemex cumpra os seus supostos compromisos con Barreras

 

Vigo, 25 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, e a deputada nacionalista Carme Adán demanda un papel activo da Xunta de Galiza na defensa do sector naval galego. Lembran que en 2013 o presidente da Xunta negociou a venda do estaleiro Barreras á petroleira mexicana Pemex a prezo de saldo pero que estamos en 2015 e finalmente só se concretou a construción dun flotel e que debido a este fracaso sobre os traballadores e traballadoras pende a ameaza dun ERE.

“A única certeza que temos hoxe en Vigo é que non se contrata é que se non se contrata ningún novo buque, a actividade en Barreras finalizará cando se entregue o flotel, e que até esa data cada vez haberá menos empregos en activo”, denunciou Serafín Otero, para quen a resposta do goberno galego do PP “non se pode limitar a anuncios propagandísticos, sobre todo en vésperas electorais e logo darlle as costas a un sector punteiro e que é fundamental para a nosa comarca.“

Precisamente porque este é un sector punteiro para a comarca viguesa e para Galiza en xeral, o candidato nacionalista subliñou que “Feijóo ten que saber que en Vigo non imos renunciar á construción naval”. “Dada a incapacidade do capital privado para poñer a producir as nosas gradas, a pesar da enorme cualificación e experiencia dos nosos estaleiros, é hora de intervención pública”.

Neste sentido defendeu que as empresas do naval da ría de Vigo se articulen nun holding ”para sumaren esforzos e aproveitar sinerxías” e considerou que esta medida debe ser impulsada e liderada pola Xunta mediante a constitución dunha Corporación Industrial Pública Galega. Ao respecto sinalou que esta proposta xa foi defendida polo BNG no Parlamento Galego e destacou que o seu cometido sería “promover novos proxectos industriais con participación pública”, como están comezando a facer outros países como Francia.

Fracaso da xestión comercial de Feijóo

A deputada Carme Adán, pola súa banda, cuestionou o papel exercido polo presidente da Xunta, a quen acusa de actuar “como comercial e non como presidente do goberno galego”. Ao seu xuízo, o fracaso das xestións de Feijoo, materializado na falta de pedidos en Barreras, “confirma que á petroleira mexicana só lle interesaba a tecnoloxía do estaleiro vigués e por iso a comprou”.

“Queremos saber que medidas vai adoptar o goberno galego para que a mexicana Pemex, de existir compromisos, os cumpra”, destacou Carme Adán, quen sinalou que o Bloque rexistrou diversas preguntas no Parlamento galego instando ao goberno a responder sobre a nova situación de Barreras. Criticou, asemade, que se van cumprir xa cinco anos da aprobación da Lei de fomento do sector naval de Galiza e que continúa sendo “papel mollado”.

Segundo destacaron Otero e Adán, “temos o coñecemento, a experiencia, a capacidade técnica e as infraestruturas necesarias para volver a sermos unha potencia neste ámbito. Só falla que o Goberno galego exerza como tal e impida que unha fonte de riqueza como esta esmoreza definitivamente”.