O Bloque esixirá no pleno que o goberno municipal subrogue as traballadoras das escolas municipais

O Bloque esixirá no pleno que o goberno municipal subrogue as traballadoras das escolas municipais

Iolanda Veloso subliña que a administración local debe garantir a estabilidade laboral e a calidade dos servizos

 

presentación moción escolas infantísVigo, 20 de abril de 2015.- A portavoz municipal, Iolanda Veloso, presentou a moción que o grupo nacionalista defenderá no vindeiro pleno, na que insta o alcalde a incluír a manter os postos de traballo das escolas infantís municipais incluíndo a cláusula de subrogación dentro do prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo da súa xestión. En concreto referiuse as escolas Atalaia, Santa Cristina e Costeira, que teñen que saír a concurso proximamente.

Iolanda Veloso explicou que as traballadoras infantís trasladaron ao BNG a súa preocupación debido a que algunhas das escolas infantís teñen que renovar o contrato, polo que ten que saír a concurso a súa xestión e “existe a posibilidade de que non se contrate a subrogación do persoal actual no prego de condicións do novo concurso”, de forma que “queda no aire o seu posto de traballo”.

A voceira nacionalista tamén alertou das consecuencias que esta situación ten para un servizo “tan sensible” como son as escolas infantís municipais. Neste sentido apuntou que tres delas sacarían o concurso de xestión proximamente de forma que o cambio de concesión se produciría no medio do curso e polo tanto o cambio das persoas que atenden aos nenos e nenas de 0 a 3 anos.

“Parécenos que esta situación debería evitarse para garantir un servizo de calidade”, salientou Iolanda Veloso, quen subliñou que esta reclamación ten dous aspectos fundamentais. Así, por unha banda referiuse á estabilidade laboral das traballadoras das escolas municipais e a garantía do mantemento dos postos de traballo nos servizos municipais.

Exemplo da administración local

Para a portavoz municipal do Bloque, “a administración local é a primeira que ten que dar exemplo buscando a estabilidade laboral e o mantemento dos postos de traballo e dos dereitos das traballadoras”. Por outro lado, fixo fincapé no servizo que o concello presta aos nenos e nenas que están nas escolas infantís municipais. “Non parece o máis recomendable en absoluto que cambiasen de coidadoras no medio do curso”, advertiu ao respecto.

En resposta aos medios, Iolanda Veloso explicou que as primeiras escolas municipais que teñen que saír a concurso son as de Atalaia, Santa Cristina e Costeira. “Sería a primeira vez que non se contempla a subrogación do persoal”, apuntou. Neste sentido sinalou que a subrogación contemplouse para Atalaia e Santa Cristina nos pregos de 2005; para Atalaia, Santa Cristina e Costeira en 2009; e Santa Marta no ano 2010. “Estes foron os últimos concursos que saíron e en todos os casos se contemplaba a subrogación”, salientou.

Motivos políticos

“Hai unha decisión, que xa se lles trasladou, de non contemplar a subrogación do persoal. E nós o que queremos e que se siga incluíndo como se fixo até o de agora”, subliñou Iolanda Veloso quen asegurou que os motivos de que non se faga son “políticos”, segundo contestou aos medios.

Ao respecto indicou que hai unha nova lei de contratación que permite non contemplar a subrogación do persoal, “pero se o goberno decidise contemplar a subrogación podería facelo”, sería perfectamente legal. Precisamente comentou que así se está facendo coa nova lei de contratación noutras escolas infantís municipais do país, como en Boqueixón, Becerreá, ou nas escolas que dependen do Consorcio Galego de Servizos Socias en Coristanco e O Pino.

“Coa nova lei hai escolas infantís nas que se está subrogando o persoal. Se hai vontade política pode subrogarse legalmente, outra cousa é que a lei xa non obrigue a facelo, pero si se quere si se pode facer de maneira legal. Nós queremos que se faga igual que se está facendo noutras administracións e noutros concellos”, concluíu.

 

O Bloque esixirá no pleno que o goberno municipal subrogue as traballadoras das escolas municipais