O Bloque interpela o Goberno galego sobre as verteduras contaminantes no río Lagares

O Bloque interpela o Goberno galego sobre as verteduras contaminantes no río Lagares

_A deputada Carme Adán rexistrou no Parlamento galego unha interpelación e varias preguntas a respecto da vertedura do pasado 11 de marzo.

_O BNG demanda da Xunta e Concello que actúen e adopte medidas efectivas para evitar a contaminación do río Lagares.

LagaresVIGO, 24 de maio de 2016.- Pasados máis de dous meses desde a última vertedura contaminante rexistrada no río Lagares, o BNG vén de levar a cuestión ao parlamento galego. A deputada Carme Adán rexistrou unha interpelación e varias preguntas dirixidas ao Goberno galego para coñecer as xestións realizadas desde entón. Adán interroga o executivo a respecto do impacto ambiental da vertedura do 11 de marzo nas proximidades do nacemento do río e o dispositivo despregado pola Xunta para facerlle fronte.

A fronte nacionalista tamén demanda información arredor das investigacións anunciadas para determinar a responsabilidade deste acto contaminante e se se ten incoado algún expediente sancionador. Aliás, interésanse polo número de verteduras rexistradas desde 2010, o número de sancións aplicadas nese período ou que actuacións ten previstas a Xunta para evitar novas verteduras contaminantes.

Con esta iniciativa parlamentar o Bloque quere poñer o foco na situación de “de degradación e total desprotección” que padece o principal curso fluvial da cidade de Vigo. “Transcorridos case dous meses e medio non sabemos exactamente que pasou, quen o provocou nin se se aplicou algunha medida para que non volva pasar”, denunciou Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo.

Arteria verde

Otero chama a Xunta e Concello a cooperar para “evitar que se produza ningunha nova vertedura contaminante” e para aumentar o grao de protección ambiental do río. “O Lagares debería ser unha grande arteria verde para a cidade, pero para iso Xunta e Concello deben deixar de ollar para outro lado”, defende.

O BNG iniciou a pasada semana unha rolda de contactos con colectivos de defensa ambiental e as asociacións veciñais dos barrios e parroquias atravesadas polo Lagares, co obxectivo de traballar conxuntamente en alternativas concretas que as nacionalistas presentarán publicamente nos próximos días.

[DESCARGA] Interpelación presentada no Parlamento galego sobre verteduras no río Lagares

O Bloque interpela o Goberno galego sobre as verteduras contaminantes no río Lagares