O Bloque propón que se modifique o proxecto para que Vigo teña nova estación de tren canto antes

O Bloque propón que se modifique o proxecto para que Vigo teña nova estación de tren canto antes

_Para a fronte nacionalista que o segundo concurso de adxudicación concluíse deserto evidencia que o proxecto “faraónico” encargado a Thom Mayne non é realizábel.

_Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode continuar indefinidamente cuns andeis encaixonados no subsolo e sen servizos. O peor resultado é que a cidade quede con outra fermosa maqueta inútil en lugar de ter a estación funcional que necesitamos”.

trenvigo

VIGO, 10 de maio de 2016.- Diante do bloqueo do proxecto de nova estación de tren, o Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer se modifique o proxecto para facelo viábel sen máis demora. O BNG demanda ao Alcalde que solicite a convocatoria dunha xuntanza a catro bandas, entre Concello, Xunta de Galiza, Adif e Ministerio de Fomento, para abordar a revisión do proxecto para adecualo “ás necesidades e posibilidades reais” e asegurar, de paso, a máxima seguridade xurídica no que atinxe ao planeamento urbanístico.

Para as nacionalistas o feito de que ningunha empresa formulase unha proposta no segundo concurso de adxudicación confirma que o proxecto “faraónico” que se lle encargou ao arquitecto Thom Mayne non é realizábel. “Levamos cinco anos de espera e o único que temos son uns andeis soterrados sen apenas servizos. Vigo precisa dunha nova estación de tren canto antes”, exixe Xabier P. Igrexas, Responsábel de iniciativas políticas do BNG-Vigo. Neste sentido, o dirixente nacionalista demanda a Caballero que “en lugar de aproveitar de maneira partidista este grave problema para enlear coa ministra de Fomento, exerza de Alcalde e chame ás demais administracións a sentarse de inmediato para falar, cooperar e acordar unha solución”.

Evitar outro Plan Nouvel

Igrexas lembra que desde o BNG sempre defenderon que a cidade “non precisaba un novo macrocentro comercial”, por iso apostan en que diante do fracaso da estación Mayne se evite un novo “Plan Nouvel”. “O peor resultado e quedarmos con outra fermosa maqueta inútil en lugar de ter a estación funcional que necesitamos”, explica.

A proposta do BNG é reformular o modelo de estación para apostar por unha “estación funcional, intermodal, integrada na contorna, con servizos comerciais pero tamén con espazos para usos socioculturais para desfrute da veciñanza”. O Bloque suxire tamén que no novo proxecto se intente integrar a antiga fachada, que foi declarada como Ben de Interese Cultural e que “por ignorancia” foi desbotada na proposta inicial.

Intermodalidade

A formación nacionalista chama a concentrarse no “contido” e non no “continente”. A ese respecto, enfatizan a importancia “central” de que a nova estación sexa realmente intermodal. “A intermodalidade é indispensábel para mellorar a conexión co aeroporto, coa AP9, co porto e coa universidade, tal e como vimos reclamando desde hai moito tempo o BNG” defende Xabier P. Igrexas. É por iso que urxen a posta en marcha dunha terminal de autobuses completamente integrada na estación. “Estes meses demostraron que a nova estación de tren sen terminal de autobuses está coxa”, manifesta.

Nesa liña insisten en que Xunta e Concello deben procurar, desde a cooperación e a corresponsabilidade, axilizar ao máximo a posta en marcha da terminal de bus. “O que lle interesa á cidadanía non é se ten razón Ethel Vázquez ou Abel Caballero, ou ningún dos dous, senón cando os e as viguesas imos ter unha estación realmente intermodal”.

O Bloque propón que se modifique o proxecto para que Vigo teña nova estación de tren canto antes