O Bloque vota en contra da modificación orzamentaria proposta polo goberno local

O Bloque vota en contra da modificación orzamentaria proposta polo goberno local

O pleno rexeita debater a moción nacionalista que demanda á Xunta o seu compromido para construír o módulo cuberto nas pistas de atletismo

 

Vigo, 23 de febreiro de 2015.- O grupo municipal do BNG votou contra a modificación orzamentaria presentada polo goberno local cuxo obxectivo é a “amortización extraordinaria de préstamos concertados nos anos 2014 e 2010”, segundo figura no expediente correspondente. Nesta ocasión, o PSOE volveu contar co apoio do PP, igual que aconteceu no pacto para aprobar o orzamento de 2014-

A portavoz municipal, Iolanda Veloso, manifestou a preocupación do BNG polas amortizacións de débeda desta cidade e expresou a sorpresa por que se amortice un préstamo aprobado en xunta de goberno en agosto do ano pasado. “Este goberno adícase a dar ganancias aos bancos en lugar de traballar pola cidade”, criticou ao respecto.

Remodelación de Balaídos

O Bloque si apoiou a modificación orzamentaria destinada á remodelación de Balaídos, que foi aprobada por unanimidade, debido a que no estadio existe “un problema real de seguridade”, segundo explicou o concelleiro Xabier Alonso, quen por outro lado destacou a incapacidade do goberno local para facer convenios con outras administracións.

O edil nacionalista defendeu que a reforma non pode centrarse exclusivamente no estadio, senón que debe incluír tamén o contorno e as pistas de atletismo. Ao respecto anunciou a presentación dunha moción urxente, demandando ao goberno local que inste á Xunta a crear o módulo cuberto nese recinto. Finalmente a urxencia desta moción foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e a abstención do PP.