O BNG advirte que a empresa de ambulancias contratada polo Concello de Vigo para a campaña de nadal foi denunciada por irregularidades

IMG-20191123-WA0016
O concelleiro, Xabier P. Igrexas, dirixiu un escrito á concelleira delegada de Seguridade, Elena Espinosa, instándoa a dar indicacións precisas para garantir que o servizo se presta conforme a normativa e se garante a atención sanitaria de emerxencia nas debidas condicións.
O BNG advirte que a empresa de ambulancias contratada polo Concello de Vigo para a campaña de nadal foi denunciada por irregularidades

Após recibir informacións a respeito da contratación polo Concello de Vigo, a través dun procedemento negociado sen publicidade, da empresa Ambulancias Coexam SL para atender o servizo de ambulancias e sanitarios da campaña de nadal 2019-2020, o BNG advertiu o Goberno municipal que a empresa ten sido denunciada por práctica irregulares na prestación dos seus servizos. Así llelo trasladou o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, a través dun escrito dirixido á concelleira delegada de Seguridade, Elena Espinosa, esta mesma mañá.

Igrexas fai referencia no seu escrito, presentado por rexistro municipal e que tamén remitiu por correo electrónico á propia Espinosa, ás denuncias presentadas polo sindicato CIG por feitos graves como que Coexam faga uso de vehículos non habilitados para a asistencia sanitaria de persoas en situación de emerxencia e que as súas ambulancias non están dotadas co persoal cualificado necesario. Esta situación xa é coñecida polo Concello desde o pasado mes de xullo sen que se coñeza que se adoptase ningunha medida e despois de que Espinosa se negase a recibir os responsábeis da CIG.

Por outra parte, o concelleiro nacionalista advirte tamén de que a empresa podería ter incorrido nunha posíbel baixa temeraria na súa oferta económica para facerse co contrato, xa que o importe presentado non sería suficiente para satisfacer os gastos derivados dunha correcta prestación do servizo.

“Falamos do servizo de ambulancias e da atención sanitaria de emerxencia precisamente diante de actividades que se prevén cunha grande afluencia”, enfatiza Igrexas. O portavoz nacionalista chama ao Goberno municipal a “actuar con responsabilidade”. No concreto, demanda que “con carácter inmediato e urxente proceda a dar as indicacións necesarias ao servizo de Seguridade e á Policía Local para realizar as inspeccións precisas” que aseguren que a prestación do servizo  de ambulancias e sanitarios durante toda a campaña do nadal 2019-2020 se realiza con estrito cumprimento das condicións contratuais e da normativa de aplicación, singularmente no que ten a ver coa homologación dos vehículos de emerxencia e coa súa dotación de persoal.

A fronte nacionalista tamén solicita que se lle dea acceso ao expediente completo da contratación do servizo, para coñecer os pormenores desa adxudicación.

O BNG advirte que a empresa de ambulancias contratada polo Concello de Vigo para a campaña de nadal foi denunciada por irregularidades