O BNG comprométese a facer valer os intereses de Vigo no Parlamento galego para poñer fin ao abandono da Xunta

Carmela González, Xabier P. Igrexas e Alexandra Fernández.
Carmela González, Xabier P. Igrexas e Alexandra Fernández.

A fronte nacionalista presentou as liñas de traballo coas que iniciarán o curso político as dúas deputadas viguesas, Carmela González e Alexandra Fernández.

O reclamo dunha mudanza radical nas políticas industriais e laborais e a blindaxe e alargamento dos servizos públicos, serán dous eixos prioritarios.

Xabier P. Igrexas: “O BNG defenderá o papel que ten que xogar Vigo como motor de todo un País”.

O BNG comprométese a facer valer os intereses de Vigo no Parlamento galego para poñer fin ao abandono da Xunta

O Bloque Nacionalista Galego presentou publicamente as liñas de traballo que porán en marcha no Parlamento galego co inicio da lexislatura en relación a Vigo. A fronte nacionalista reiterou o seu compromiso con facer valer os intereses da cidade fronte ao abandono da Xunta, nunha rolda de prensa decorrida esta mañá na que compareceron o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e mais as dúas deputadas viguesas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández. O reclamo dunha mudanza radical nas políticas industriais e laborais e a blindaxe e alargamento dos servizos públicos, serán dous eixos prioritarios na acción parlamentar.

Igrexas salientou que o voto de preto de 32 mil viguesas e vigueses nas pasadas eleccións galegas do 12 de xullo, que supuxo que o BNG fose a forza política que máis aumentou o seu apoio social na cidade (sumando dezasete puntos porcentuais), fixo posíbel que nesta lexislatura vaia haber dúas deputadas “que son de Vigo e que coñecen moi ben a cidade”. Nese sentido, o concelleiro mostrouse certo de que Carmela González e Alexandra Fernández “van traballar arreo para que as necesidades de Vigo se teñan en conta e se poña punto e final ao abandono deliberado que a Xunta do PP aplica contra a principal cidade de Galiza”.

Un abandono que o edil nacionalista resumiu en recortes e privatización, citando o exemplo do hospital Álvaro Cunqueiro, a ausencia dunha política industrial que aposte por crear emprego digno na cidade, e na falla de investimento por parte do Goberno galego. En relación a isto último, Igrexas, lembrou que no debate dos últimos orzamentos da Xunta o BNG formulou unha serie de emendas coas que demandaban o aumento en 56 millóns de euros o investimento previsto para Vigo, e “o PP volveu dicir que non”.

“O BNG vai defender, no Parlamento, en positivo o papel que lle corresponde a Vigo, como motor de todo un País, cunha oposición firme e construtiva que poña fin ao pimpampum estéril entre Xunta e Concello”, comprometeu Igrexas. “Caballero e Feixóo pensan que os dous gañan algo nesa lea partidista permanente, pero o que é claro é que quen perde sempre é a cidade”, remachou.

Mudanza radical nas políticas industriais e laborais

A deputada Carmela González debullou os principais eixos que definirán o seu traballo no Parlamento nas vindeiras semanas. Nese sentido, defendeu que “urxe unha mudanza radical nas políticas industriais e laborais, un xiro de 180º, que poña fin ao desleixo e a falla de actuacións, e que active todos os recurso necesarios para enfrontar a situación de emerxencia laboral e produtiva que atravesa a comarca de Vigo e, especialmente, a nosa cidade”. González lembrou que hoxe na cidade hai 12.500 postos de traballo menos que na altura de 2009 (segundo datos da última Enquisa de Poboación Activa) e que no último ano o paro rexistrado aumentou en 2.099 persoas, ao que hai que engadir a moitos millares de traballadoras e traballadores en ERTE.

Diante desta situación de emerxencia laboral e produtiva, con sectores estratéxicos como a construción naval ou a automoción atravesando importantes dificultades, a fronte nacionalista esixira que a Xunta “exerza as súas competencias para garantir o dereito a vivir dun traballo digno na propia terra e promover o desenvolvemento das enormes potencialidades produtivas que ten a cidade e a comarca de Vigo”. No concreto, demandarán que se poña en marcha un Plan de Reindustrialización da comarca de Vigo, a creación do Centro de Reparacións Navais na ría e unha intervención pública directa no sector naval que garanta a continuidade tanto de Barreras como de Vulcano e da industria auxiliar.

Sobre o risco de desaparición do centenario estaleiro de Teis, González asegurou que “é xa indiscutíbel que o principal obstáculo para que Vulcano volva ter actividade ten nomes e apelidos: Enrique López Veiga, que non pode continuar nin un minuto máis  como presidente da Autoridade Portuaria”.

“O futuro do Porto de Vigo non pasa nin por acabar cun estaleiro centenario nin por pretender seguir cementando a ría con novos recheos”, advertiu a deputada que, en troca, aposta polo impulso da Plisan, que se dote de conexión ferroviaria directa a terminal aeroportuaria e a creación dunha Mesa do Porto de Vigo.

Aliás, González, que será portavoz do BNG en Comercio, asegurou que “unha das liñas de traballo nas que imos insistir desde o minuto 1 do novo período de sesións do Parlamento de Galiza, vai ser en demandar unha política comercial que apoie decididamente o pequeno e mediano comercio, con axudas directas e con medidas como unha moratoria de 10 anos na concesión de licenzas para novas grandes áreas comerciais”.

Blindar e alargar o público

Pola súa banda, a deputada Alexandra Fernández, que asumirá as áreas ligadas aos sectores públicos, reiterou o seu agradecemento ao apoio social recibido nos comicios do pasado 12 de xullo, salientando o peso e importancia que vai ter Vigo no grupo parlamentar do BNG. “Que haxa dúas deputadas do BNG de Vigo no Parlamento é unha moi boa noticia para o conxunto da cidade e para as clases traballadoras deste País”, valorou.

Fernández advertiu que despois de “11 anos de proxecto neoliberal a Xunta de Feixóo pretende seguir recortando o público, no momento no que é máis necesario blindar e fortalecer os servizos públicos”. “A súa política de recortes e privatizacións, cebouse especialmente contra Vigo e fíxose notar tanto no ámbito educativo, na sanidade ou nas políticas sociais. Fundamentalmente o que imos defender no Parlamento é reverter esa política antisocial”, resumiu.

A deputada nacionalista principiou por trasladar o seu “total apoio á comunidade educativa” e por exixir que a Consellaría de Educación deixe de “botar balóns fóra” e poña en marcha medidas concretas e incorpore os recursos necesarios, para garantir un retorno presencial ás aulas nas mellores condicións de seguridade.

No ámbito educativo, Fernández manifestou que o compromiso do BNG en relación á nova zonificación escolar é que esta “non se utilice para seguir a privilexiar os centros privado-concertados”, e que se elabore coa participación activa da comunidade educativa e o máximo consenso. Aliás, reiterou o reclamo de que se dote o barrio de Navia dun novo instituto, así como a mellora das infraestruturas e equipamentos dos centros educativos da cidade e o reforzo dos chamados servizos complementarios.

“Vigo foi o banco de probas da privatización por fascículos que o Partido Popular está aplicar na sanidade pública galega”, denunciou Fernández. Emporiso, subliñou o carácter “irrenunciábel” de facer do hospital Álvaro Cunqueiro un centro “cento por cento público”, así como a necesidade de reforzar a Atención Primaria, “vital neste contexto”, en lugar de aplicar recortes como a redución á metade do proxecto de centro de saúde para a vila de Bouzas.

A política social será outro dos principais ámbitos de traballo do Bloque nesta nova lexislatura. Nesta cuestión as nacionalistas demandarán un aumento substancial da oferta de prazas públicas de escolas infantís, centros de día, residencias de maiores e pisos asistidos na nosa cidade.

Tamén pularán por que a Xunta contribúa á posta en marcha dun Parque de Vivendas Sociais en Vigo, para asegurar unha alternativa habitacional digna na cidade ás familias en risco de desafiuzamento, e facilitar o alugueiro social. “Estes días volvemos a coñecer casos de varias familias que viven baixo a ameaza de perder a súa casa e a Xunta segue sen actuar a pesar de ter as competencias”, criticou Fernández.

Por derradeiro, a deputada do BNG explicou que unha das cuestións “estratéxicas para o desenvolvemento da cidade a medio e longo prazo” é a posta en marcha da Área Metropolitana. “O futuro de Vigo pasa por reafirmar o seu papel nodal, cunha área que non sexa apenas unha estrutura institucional, senón que conte con competencias e con recursos”, explicou. Unha posición sobre a que tamén defenderán a mellora das conexións de transporte coa cidade, a principiar polo transporte metropolitano.

O BNG comprométese a facer valer os intereses de Vigo no Parlamento galego para poñer fin ao abandono da Xunta