O BNG comprométese a seguir defendendo a absorción de Povisa polo Sergas

POVISA Xuntanza co Comité de Empresa

A fronte nacionalista mantivo un encontro co Comité de Empresa cando se van cumprir 100 días da compra do hospital polo grupo Ribera Salud.

A deputada, Montse Prado, reclamou transparencia na xestión do concerto singular e a fin da precariedade laboral.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, esixiu que se garanta a atención sanitaria nas mesmas condicións que na rede Sergas e pediu que PP e PSOE aclaren antes do 5 de abril se manterán o actual modelo de concerto “que fai da saúde un negocio”.

O BNG comprométese a seguir defendendo a absorción de Povisa polo Sergas

O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro co Comité de Empresa de Povisa. Na xuntanza, da que tomaron parte o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais deputada e portavoz de Sanidade, Montse Prado, a fronte nacionalista reiterou o seu compromiso en seguir a defender a absorción de Povisa para o integrar na rede sanitaria pública.

“A poucos días de que se cumpran 100 días do cambio na propiedade e a dirección de Povisa constatamos que a dinámica é de continuísmo”, valorizou Xabier P. Igrexas. O portavoz municipal nacionalista denunciou que a falla de persoal e a precariedade laboral están a limitar a capacidade e a calidade asistencial. Neste sentido, Igrexas esixiu que se garantan as mesmas ratios de persoal que na rede Sergas. “As 140 mil persoas adscritas a Povisa non poden ser pacientes de segunda nun hospital que se financia nun 80% con diñeiro público”, remachou.

Rescate público

A deputada no Parlamento galego e portavoz sanitaria do BNG, Montse Prado, subliñou a posición firme para poñer fin á “anomalía” que representa o concerto privado de Povisa e que é, canda a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro, unha das dúas patas da “desfeita sanitaria de Feixoo” da que a área sanitaria de Vigo se converteu na súa zona cero.

A este respeito Pérez Igrexas afirmou que de cara ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril, as viguesas e vigueses teñen dereito a que as diferentes forzas políticas aclaren  a súa posición sobre o futuro de Povisa. “Sería bo que PSOE e PP dixeran claramente se queren manter este concerto que fai da saúde un negocio, ou se como defendemos o BNG están dispostos a que Povisa se integre no Sergas”, demandoum

Prado volveu demandar transparencia na xestión do concerto para fiscalizar o uso do diñeiro público e garantir que non se desvíe para finalidades distintas que a atención da poboación adscrita polo Sergas. Aliás, a deputada reiterou o pleno apoio do BNG ao persoal de Povisa -que atinxe preto de 1500 traballadores e traballadoras- e ao seu Comité de Empresa, após unha década de conxelación salarial, a imposición de xornadas reducidas que precarizan a atención sanitaria e coa negociación do convenio colectiva paralizada.

“A defensa dunha sanidade 100% pública e dos dereitos do persoal sanitario fronte a precariedade seguirán sendo a  nosa prioridade”, comprometeu.
O BNG comprométese a seguir defendendo a absorción de Povisa polo Sergas