O BNG considera imprescindible que os investimentos do superávit atendan as necesidades da cidadanía

O BNG considera imprescindible que os investimentos do superávit atendan as necesidades da cidadanía

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou a importancia de que os investimentos correspondentes ao superávit de 6 millóns do Concello de Vigo atendan as necesidades da cidadanía. En resposta ás preguntas dos medios sobre a aceptación das propostas feitas polo grupo nacionalista, Iolanda Veloso manifestou a satisfacción do BNG por que se dean resposta ás necesidades detectadas polo Bloque.

“Está ben que se o goberno non ten ideas propias que recolla as nosas propostas”, subliñou a portavoz municipal do Bloque, quen destacou o traballo desenvolvido polo BNG para facer un mellor uso dos investimentos. “Habería que preguntarse por que o goberno non ten proposta propia”, comentou.

Iolanda Veloso considerou prioritario en primeiro lugar escoitar as demandas dos vigueses e viguesas para detectar as principais carencias na cidade e darlles solución neste caso cos fondos que o goberno do Estado permite investir. Neste sentido destacou que unha parte fundamental dos investimentos debe dirixirse a atender as necesidades dos barrios e parroquias, especificamente en Teis e o Casco Vello.

Melloras nos barrios e accesibilidade

No primeiro caso mencionou as constantes reclamacións presentadas pola asociación veciñal na demanda dunha mellora do saneamento. “É inaceptable que as melloras de infraestruturas básicas estean sen acometer”, salientou. No tocante ao Casco Vello, a portavoz nacionalista apuntou que nos dous últimos anos pode apreciarse “un certo desleixo” no mantemento do barrio, polo que defendeu continuar traballando na súa recuperación.

Por outro lado, lembrou que durante a etapa do BNG no goberno municipal fíxose un gran esforzo para facer de Vigo unha cidade máis accesíbel. “Pensamos que nos colexios públicos temos que seguir mellorando neste sentido, tal e como xa ten demandado Foanpas”, salientou.

O BNG considera imprescindible que os investimentos do superávit atendan as necesidades da cidadanía