O BNG critica os anuncios do nadal de Vigo coa foto de Abel Caballero

  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, cualifica de “frikismo político” a inserción dunha foto do alcalde na cartelaría. “Barcelona tiña a Cobi, Sevilla a Curro, e agora Vigo ten a Caballero que vai camiño de substituír o dinoseto”, ironizou.
  • A fronte nacionalista reclama que a campaña de “autobombo” do rexedor non se pague con diñeiro público e pregúntase que diría o PSOE vigués se a Xunta do PP fixese o mesmo promocionando Galiza coa cara de Feixóo.
O BNG critica os anuncios do nadal de Vigo coa foto de Abel Caballero

O BNG criticou con dureza que na campaña publicitaria coa que o Concello de Vigo vai promocionar o turismo co gallo do nadal en doce cidades do estado español e Portugal, se inclúan soportes cunha imaxe do alcalde. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, expresou “estupefacción e profunda vergoña allea” diante dos anuncios que se instalaron por exemplo nalgunhas estacións de metro de Madrid cunha fotografía de grande tamaño de Caballero. “Nós xa sabiamos que Barcelona tiña a Cobi, que Sevilla tiña a Curro, e parece claro que en Vigo Abel Caballero quere disputarlle o lugar ao propio dinoseto como mascota emblema da cidade”, ironizou.

O portavoz nacionalista asegurou que non lle van pedir ao rexedor que abandone “o frikismo político ao que xa nos ten acostumados, porque probabelmente non sabe facer outra cousa”, pero si que exixen que non se financie a cargo de fondos públicos. “Se Caballero quere poñer carteis coa súa cara en Madrid para promocionarse, que o pague el mesmo ou o PSOE de Vigo, pero non o Concello de Vigo con diñeiro de todas as viguesas e os vigueses”, reclamou.

Para Igrexas é evidente que a cidade dispón de moitísimas imaxes, mesmo do nadal, máis acaídas para promocionarse que a faciana do alcalde. “Que diría Caballero se a Xunta do Partido Popular promocionase Galiza como destino turístico cunha foto de Feixóo? Pois con toda a razón diría que é intolerábel que se faga uso de cartos públicos para autobombo persoal”, afirmou o edil nacionalista. “Nin o Concello, nin a cidade de Vigo se reducen a Abel Caballero e iso é algo que é preciso comezar a entender, inda que for por pura hixiene democrática”, remachou.