O BNG critica o uso electoralista que fai o PP do novo hospital e acusa á candidata de buscar foto

O BNG critica o uso electoralista que fai o PP do novo hospital e acusa á candidata de buscar foto

Carme Adán alerta de que o novo xerente do Chuvi seguirá a folla de ruta da privatización da sanidade

 

Vigo, 24 de abril de 2015.- A deputada do BNG no Parlamento galego, Carme Adán, acusou ao Partido Popular de facer un uso electoralista do novo hospital, en referencia a convocatoria da candidata do PP na entrada desta infraestrutura no día no que estaba prevista a entrega das obras.

“Desde o BNG somos moi claros ao respecto, sabemos que hoxe vai estar a candidata do Partido Popular, que entendemos que está desesperada por facerse algunha foto máis a mágoa é que Feijoo utilizara a área sanitaria de Vigo para ensaiar a privatización da sanidade galega”, manifestou a deputada nacionalista.

Carme Adán salientou que para o Bloque “non se pode utilizar o novo hospital de Vigo neste momento electoral, como hoxe fai o PP”. Ademais recriminou á candidata popular que “non tivera dado nunha a cara sobre a situación desta área sanitaria”, coas maìores listas de espera da sanidade pública.

Para a deputada do BNG, en lugar de facer un uso partidista do novo hospital o Partido Popular “o que debería é falar de cal é a súa proposta de futuro a respecto da sanidade pública”, sobre todo tendo en conta que a plataforma SOS Sanidade Pública leva desde hai anos poñendo enriba da mesa os problemas que supón ter un hospital que vai hipotecar o orzamento das vindeiras décadas e que xa nace con deficiencias importantes ao non contar co laboratorio central.

Toma de decisións

Preguntada a respecto da designación do novo xerente e se o seu nomeamento suporá algún cambio para o futuro do novo hospital, Carme Adán subliñou que as decisións se toman “dende a Consellería de Sanidade, desde o Partido Popular, e máis en concreto dende Feijoo”.

“Nós entendemos que vai seguir a folla de ruta que incide na privatización da área de Vigo como un ensaio para a sanidade galega” manifestou a deputada do Bloque. “Nós preguntamos por que se inicia por Vigo a privatización e cales son os intereses que existen”, concluíu.