O BNG cualifica de inaceptábel a exclusión de Vigo do Corredor Atlántico

  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denuncia o “desleixo e abandono” do Goberno español con Vigo e con Galiza.
  • Para a fronte nacionalista a Saída Sur de alta velocidade é un proxecto “estratéxico e irrenunciábel”.
O BNG cualifica de inaceptábel a exclusión de Vigo do Corredor Atlántico

 

VIGO, 30 de novembro de 2019- O Bloque Nacionalista Galego vén de criticar a decisión de ADIF de excluír Vigo do Corredor Atlántico alegando non ser unha prioridade orzamentaria para o operador ferroviario. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “inaceptábel” a exclusión da cidade olívica e do conxunto de Galiza. Igrexas lembrou que en febreiro deste ano logrouse en Bruxelas, tal e como demandara reiteradamente o Bloque, que as autoridades comunitarias confirmasen que Vigo e mais A Coruña ían formar parte do Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transportes. No entanto, o mapa de infraestruturas que se fixo público onte e a confirmación por parte de responsábeis de ADIF de que a inclusión de Galiza non é prioritaria, provocará que o último nodo xeograficamente atlántico do Corredor sexa a cidade portuguesa de Porto.

Para Igrexas esta decisión e a falla de compromiso para desenvolver a estratéxica Saída Sur, que conectará por alta velocidade Vigo e Porto, volven demostrar a política de abandono que aplica o Goberno español contra Vigo e contra o conxunto de Galiza. Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista subliñou a importancia do Corredor Atlántico para desenvolver as potencialidades produtivas de Vigo e da súa comarca e constitúe unha oportunidade de primeiro nivel en termos de loxística e transporte. Aliás, enfatizou que para as nacionalistas a Saída Sur é un proxecto “irrenunciábel”.

A fronte nacionalista reiterou a súa vontade de combater o “desleixo e abandono co que Madrid nos trata” e anticipou que despregarán unha ofensiva institucional en todos os ámbitos para asegurar que Vigo e Galiza non queden fóra do Corredor Atlántico. A este respeito Igrexas puxo en valor a vantaxe de que após o 10N o noso País conte cunha “voz propia e un voto que será decisivo” no Congreso, a través do deputado do Bloque, Néstor Rego. 

O BNG cualifica de inaceptábel a exclusión de Vigo do Corredor Atlántico