O BNG cualifica de “pésima nova” o acordo da FEMP que permite a incautación dos remanentes do Concello de Vigo

Xabier P. Igrexas: “Cando Caballero ten que escoller entre facer valer os dereitos da cidade ou acatar mansamente as ordes de Ferraz e a Moncloa, opta sen rubor polo segundo. En lugar de alcalde de Vigo hoxe exerceu tristemente de mandado do PSOE”.

A fronte nacionalista advirte de que esta decisión impedirá que o Concello conte cos recursos necesarios para facer fronte ás necesidades sociais derivadas da crise da Covid19 na cidade.

O BNG cualifica de “pésima nova” o acordo da FEMP que permite a incautación dos remanentes do Concello de Vigo

"Unha moi mala noticia para todos os concellos e unha pésima nova para Vigo”, así valorou esta mañá o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, o acordo adoptado pola Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que permitirá a incautación do 65% dos remanentes do Concello de Vigo por parte do ministerio de Facenda.

Igrexas criticou con dureza o papel desempeñado polo alcalde de Vigo, e presidente da FEMP, Abel Caballero,  que facendo valer o seu voto de calidade forzou un acordo “lesivo e que insiste en atacar a autonomía local, convertendo os concellos en menores de idade que non poden dispor dos seus propios recursos”.

O edil nacionalista instou o rexedor a explicarlle ás viguesas e vigueses “que beneficio ten para a cidade entregar a Madrid 43 millóns de euros [o 65% dos remanentes, estimados en 67 millóns] precisamente no momento en que máis necesarios son eses recursos”. Neste sentido, reiterou a aposta do Bloque por destinar todos os medios precisos para implementar un Plan de Protección Social para “impedir que ningunha viguesa fique atrás” e mais unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego, que blinde o tecido produtivo e comercial e cree as condicións para xerar emprego digno, estábel e con dereitos.

Para o BNG “o furto” dos remanentes municipais supón fanar a capacidade de resposta do Concello de Vigo perante as importantes necesidades e os grandes reptos que está a abrir a crise derivada da pandemia da Covid19.  Emporiso, cargou contra quen co seu voto a prol ou coa súa abstención inxustificábel fixeron posíbel este ataque contra os concellos. “Non é un acordo insuficiente como agora algúns queren escusar. É un pésimo acordo”.

Para a fronte nacionalista a decisión adoptada hoxe “cronifica e multiplica” as graves consecuencias da Lei Montoro, que o actual Goberno español non ten a máis mínima intención de derrogar. “O PP inmobilizou os remanentes dos concellos cunha lei centralista, reaccionaria e inxusta. E agora o PSOE decide incautalos”, lembrou Igrexas.

Caballero, “mandado de Ferraz”.

“Que diría Abel Caballero se fose un goberno español do PP quen incautase os aforros da cidade? Que diría se fose a Xunta de Feixóo? Estou certo de que o denunciaría como un roubo intolerábel e unha agresión sen precedentes á autonomía local. E iso é exactamente o que é esta medida, inda que a patrocine o seu partido”, manifestou o portavoz municipal nacionalista.

Para Igrexas o sucedido hoxe na FEMP deixa ás claras que “cando Caballero ten que escoller entre facer valer os dereitos da cidade ou acatar mansamente as ordes de Ferraz e a Moncloa, opta sen rubor polo segundo. En lugar de alcalde de Vigo hoxe exerceu tristemente de mandado do PSOE”.

“Moito ter Vigo na boca para logo acabar traizoando a súa propia palabra, despois de meses esixindo o uso libre dos remanentes polos concellos, e entregar o diñeiro das viguesas e vigueses a Madrid”, reprochoulle ao rexedor.

O BNG cualifica de “pésima nova” o acordo da FEMP que permite a incautación dos remanentes do Concello de Vigo