O BNG demanda melloras nos diferentes servizos de transporte para que Vigo dispoña dunha mobilidade "realmente intermodal"

DSC_0003

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, reprocha a Xunta e Concello que se limiten a celebrar a nova terminal de buses para 2021 en lugar de apostar por unha rede integrada e conectada.

A fronte nacionalista demanda o tren de proximidade (cercanías), mellor servizo de autobuses interurbanos, a integración de Vigo no transporte metropolitano ou o reforzo do transporte marítimo de Ría.

O BNG demanda melloras nos diferentes servizos de transporte para que Vigo dispoña dunha mobilidade "realmente intermodal"

 Após o que cualificou con ironía como "fotografía da reconciliación" entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, co gallo da presentación da nova terminal de buses da cidade, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, demandou melloras nos servizos de transporte para que Vigo dispoña dunha mobilidade "realmente intermodal".

"O que se presentou onte son unhas novas dársenas para coller o autobús a carón da estación de alta velocidade de Urzaiz para o 2021, pero a intermodalidade non é iso", explicou o portavoz municipal nacionalista. Igrexas reclamou un maior esforzo por parte de todas as administracións, a principiar pola Xunta de Galiza, para apostar polo "transporte colectivo".

No concreto, demandou a mellora da conexión ferroviaria, coa implementación do tren de proximidade (cercanías), a mellora da media distancia e asegurar a estratéxica saída sur de alta velocidade con Porto. Tamén destacou a necesidade de reformular a oferta de transporte innterurbano por estrada, con mellores frecuencias, asegurando a conexión de Vigo coas outras seis grandes cidades galegas e incorporando a cidade de Vigo nun novo Plan de Transporte Metropolitano. A respeito disto último, o edil volveu reiterar o chamado a que Goberno galego e Goberno municipal cheguen a un acordo que poña fin a "anomalía" de que Vigo fique fóra do transporte da súa área metropotalitana. Por derradeiro, instou a reforzar o transporte marítimo de Ría, "o grande esquecido pero unha peza moi importante en termos metropolitanos".

Para avanzar cara a unha intermodalidade efectiva a fronte nacionalista pide que o novo servizo do autobús urbano conecte mellor as diferentes terminais e estacións, tanto de buses, como de trens, a estación marítima ou o aeroporto. "Só mediante a conexión integrada entre as diferentes redes poderemos ter unha mobilidade intermodal, moderna e sustentábel, mais é claro que nin Concello nin Xunta parecen ter vontade e por iso celebran como un grande avance que haxa unha nova terminal de bus en lugar de mellorar os servizos", remachou. 

O BNG demanda melloras nos diferentes servizos de transporte para que Vigo dispoña dunha mobilidade "realmente intermodal"