O BNG demanda responsabilidade a Xunta e Concello para non frustrar a ampliación do IFEVI

IFEVI,_Instituto_Feiral_de_Vigo

O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que levarán esta cuestión á vindeira Xerencia Municipal de Urbanismo e ao Parlamento galego.
A fronte nacionalista reitera a importancia “estratéxica” de Conxemar.

O BNG demanda responsabilidade a Xunta e Concello para non frustrar a ampliación do IFEVI

Diante da polémica aberta entre Xunta de Galiza e Concello de Vigo a respeito do proxecto de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) destinada a alargar a capacidade de Conxemar, desde o BNG veñen de reclamar a ambas as administracións que actuén con "responsabilidade" e cooperen para permitir que se poida materializar con éxito. O concelleiro do Bloque en Vigo anunciou que levará esta cuestión á Xerencia Municipal de Urbanismo da semana próxima e que darán traslado tamén ao Parlamento galego. "Non podemos permitir que a lea partidista entre Feixóo e Caballero frustre un proxecto tan necesario e urxente para Vigo como a ampliación do IFEVI", advertiu Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista subliñou a importancia de Conxemar que xa se demostrou "un verdadeiro tractor e dinamizador dun sector estratéxico para Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza", lembrando que o sector representa 8 mil millóns de euros de facturación anual e 15 mil postos de traballo. "Conxemar é un evento de referencia e o BNG apostamos por seguir a potencialo", resumiu. 

Igrexas lamentou que PP e PSOE teñan convertido o proxecto de ampliación do instituto feiral nun novo obxecto de disputa malia que se trata dunha iniciativa que conta co apoio de todas as forzas políticas. "É intolerábel que esta cuestión se converta nun asunto da longa precampaña electoral con rumo ás eleccións galegas", advirte. 

Co obxectivo de "deitar luz e poñer claras as cousas", o BNG preguntará sobre a situación deste proxecto na próxima xuntanza do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, prevista para o vindeiro mércores. Aliás, Igrexas tamén manifestou a súa intención de darlle traslado ao Parlamento galego, a través do grupo parlamentar do BNG. "Xunta e Concello teñen que explicar que é o que pasa", reclama. 

Fórmula legal

Igrexas amosou tamén a súa "sorpresa e decepción" porque a estas alturas o debate se teña volto situar en relación a cal vai ser a fórmula legal que permitirá dar encaixe urbanístico a esta ampliación. 

O edil nacionalista lembrou que a Xunta de Galiza asumiu desde un principio que o medio máis acaído e áxil era aplicar a lei 3/2016, cuestión que foi reiterada en sucesivas declaracións públicas da propia delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro. Por iso, para a fronte nacionalista a posición errática do Goberno galego indicaría que "o Partido Popular está recuando e non é claro o seu compromiso coa ampliación do IFEVI".

"Non pode ser que uns por outros e Conxemar na corda frouxa. Que deixen de xogar cos intereses de Vigo como arma electoral. Xunta e Concello o que teñen é que poñerse a traballar e cooperaren para facer realidade a ampliación do IFEVI", sentenciou. 

O BNG demanda responsabilidade a Xunta e Concello para non frustrar a ampliación do IFEVI