O BNG demanda de Xunta e Concello políticas para facilitar o acceso social á vivenda en Vigo

Critican que o gasto municipal en políticas de vivenda sexa de apenas 23 céntimos por habitante ao ano.

Xabier P. Igrexas urxe a posta en marcha dun Parque Público de Vivenda Social na cidade.

O BNG demanda de Xunta e Concello políticas para facilitar o acceso social á vivenda en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego volveu reiterar hoxe a demanda de que tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galiza tomen medidas e articulen políticas destinadas a facilitar o acceso social á vivenda na cidade. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a política municipal nesta cuestión se limita a un investimento "ridículo" de 23 céntimos por habitante e ano e que o Goberno galego "non fai absolutamente nada" en materia de vivenda social na principal cidade do País.

Igrexas fíxose eco do último informe publicado polo Observatorio de Recursos Urbanos no que se recolle que a cidade de Vigo dedicou apenas 23 céntimos de euro por habitante o pasado ano en políticas de vivenda. "Esa é a política de Vivenda do Goberno de Abel Caballero, nunha cidade con 4.700 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida, e onde malia existir 18.500 pisos baleiros producíronse 600 desafiuzamentos o ano pasado. 600 desaloxos sen alternativa habitacional", afeou o portavoz municipal nacionalista.

A esta situación engádese a escalada continuada dos prezos tanto de venda como de alugueiro de vivendas que está a provocar, segundo apunto o edil, que moitas persoas teñan que mudarse a outros concellos por non poder permitirse enfrontar eses custos.

Ao desleixo municipal neste ámbito engádese "a nula política de vivenda" despregada pola Xunta na principal cidade de Galiza, a pesar de se tratar dunha competencia de carácter autonómico. "A política da Xunta de Feixoo con Vigo redúcese a lonas publicitarias e propaganda, do resto total abandono", resumiu.

Neste sentido, a fronte nacionalista volveu reclamar que Concello e Xunta actúen e cooperen para poñeren en marcha un Parque Público de Vivenda Social en Vigo, que garanta "o primeiro dereito de calquera cidadá e calquera cidadán que é o de poder habitar a cidade, o de ter un teito baixo o que vivir".