O BNG demandará que se informe no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo da modificación puntual do Barrio do Cura

A fronte nacionalista reclama que o Goberno local explique a situación do expediente despois do cruce de versións contraditorias entre Xunta e Concello.

Xabier P. Igrexas: “O Bloque xa expresamos a nosa oposición a este modelo de urbanismo a parches, con modificacións ad hoc e a toda presa dalgúns ámbitos”.

Insisten en demandar que se aumente a vivenda protexida e lembran que só no Barrio do Cura reservan 36 de 400 vivendas.

O BNG demandará que se informe no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo da modificación puntual do Barrio do Cura

Diante do cruce de acusacións e das versións contraditorias entre Concello de Vigo e Xunta a respeito da tramitación da modificación puntual do PXOM no ámbito do Barrio do Cura, o Bloque Nacionalista Galego anunciou que demandarán que o Goberno local explique a situación no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. “É ridículo escoitar a uns dicir que ese proxecto está fóra do marco legal, e a outros asegurar que o informe é favorábel”, reprochou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista subliñou que “o “O Bloque xa expresamos a nosa oposición a este modelo de urbanismo a parches, con modificacións ad hoc e a toda presa dalgúns ámbitos”. “Por que hai tanta presa por legalizar un ámbito no que non seu moveu unha soa pedra entre 2008 e 2015 cando xa estaba previsto no anterior PXOM?”, preguntouse.

Igrexas lembrou que o BNG comparte a necesidade de actuar nun ámbito urbano “profundamente degradado” pero motivou a abstención nacionalista na súa aprobación inicial nas reservas sobre algúns aspectos como, precisamente, a protección patrimonial ou o impacto ambiental do proxecto.

Máis vivenda protexida

Aliás, o portavoz municipal nacionalista salientou a necesidade de que se aumente a reserva de vivenda protexida. “No Barrio do Cura, tal e como está definido agora, só serán protexidas e con prezos accesíbeis para a maioría social 36 de 400 vivendas”, explicou. Unha cantidade “abertamente insuficiente nunha cidade na que hai 4.700 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida”.

“É o momento de poñer o urbanismo ao servizo da cidade e da veciñanza, fuxindo de calquera tentación de volver a vellas burbullas especulativos, e para facilitar o acceso a un ben esencial como é a vivenda”, reivindica Igrexas quen sinala que “o primeiro dereito da cidadanía é o de habitar a propia cidade, o de ter un teito digno”.

O BNG demandará que se informe no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo da modificación puntual do Barrio do Cura