O BNG denuncia que PSOE e PP “amordazan” as Viguesas/es Distinguidas/os deste ano cun veto antidemocrático

Populares e socialistas exclúen da proposta de nomeamento que se votará mañá no Pleno ao Grupo de Apoio ao Colectivo Musical ‘La Insurgencia’ defendido polo BNG.

Xabier P. Igrexas: “Este veto antidemocrático devalúa as máximas distincións do Concello de Vigo, que deixan de ser un recoñecemento de toda a cidade para selo só dunha parte, convertendo as Viguesas e Vigueses distinguidos nunha especie de novo toisón de ouro da orde do Caballerismo”.

O BNG denuncia que PSOE e PP “amordazan” as Viguesas/es Distinguidas/os deste ano cun veto antidemocrático

O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta mañá o “veto antidemocrático” co que PP e  PSOE van “amordazar” as Viguesas/es Distinguidas/os deste ano, impedindo que o  Pleno poida votar a proposta formulada pola fronte nacionalista para que este ano se recoñecera con esa honra ao Grupo de apoio do Colectivo Musical ‘La Insurgencia’.

O concelleiro do Bloque en Vigo, criticou con dureza que PP e  PSOE sumaran os seus votos na Xunta de Voceiros para impedir que o nomeamento suxerido polo Bloque se incorporase na proposta que se someterá mañá a votación no Pleno da Corporación.

Liberdade de expresión

Igrexas lembrou que se trata dun Grupo de Apoio que ten feito un enorme traballo en favor da liberdade de expresión e en contra da causa xudicial que vén de se saldar nunha condena “aberrante e máis propia dun rexime totalitario que dunha democracia que se di consolidada”, con penas de 6 meses de prisión, 8 anos de inhabilitación e multas de 1200 euros contra un colectivo musical polos versos de varias das súas letras. Aliás, o edil nacionalista remarcou que 5 das 12 integrantes de ‘La Insurgencia’ son viguesas e vigueses.

“Non sorprende a posición do PP, pero estamos a ver como o PSOE que prometeu até a extenuación que derrogaría a Lei Mordaza agora lle vira as cotas a un grupo de artistas que ven conculcada a súa liberdade de expresión e creación cunha sentenza inxusta”, afirmou o edil.

Veto antidemocrático

O portavoz municipal nacionalista enfatizou que se trata da “primeira vez na historia democrática da cidade que se veta unha proposta de nomeamento de Vigueses/as Distinguidas/os, realizada por unha forza política con representación no Pleno como somos o BNG”.

“Este veto antidemocrático devalúa as máximas distincións do Concello de Vigo, que deixan de ser un recoñecemento de toda a cidade para selo só dunha parte, convertendo as Viguesas e Vigueses distinguidos nunha especie de novo toisón de ouro da orde do Caballerismo” denunciou.

Desde o BNG reclaman respeito cara a “pluralidade e diversidade da cidade” e lamentan que se lle negue ao Pleno a posibilidade de decidir se recoñecía ou non a loita por un dereito democrático fundamental e irrenunciábel como é a liberdade de expresión e creación. “Co seu sectarismo, PSOE e PP amordazan as Viguesas e Vigueses Distinguidos deste ano”, remacha Igrexas.

O BNG denuncia que PSOE e PP “amordazan” as Viguesas/es Distinguidas/os deste ano cun veto antidemocrático