O BNG exixe ao Concello que actúe contra Linorsa para que pague os salarios pendentes

O BNG exixe ao Concello que actúe contra Linorsa para que pague os salarios pendentes

_Critican a falta de resposta por parte do Goberno Municipal e sinalan que este novo conflito pon en cuestión a xestión privada de servizos públicos

Vigo, 26 de xaneiro de 2016.- Diante dun novo conflito laboral na empresa de limpeza Linorsa, que é concesionaria do Concello de Vigo, o BNG reitera o seu completo apoio ao persoal nas súas reivindicacións. En opinión da fronte nacionalista a situación provocada polo reiterado impago de salarios é “intolerábel” nunha empresa que recibe inxente cantidades de recursos públicos por prestar servizos para diferentes administracións.

O Bloque critica a falla de resposta por parte do Goberno municipal, que coa súa inacción “volveu colocarse máis unha vez do lado das empresas privadas e en contra das traballadoras”. “A que agarda o Concello para tomar accións contundentes contra a empresa e forzala a cumprir coas súas obrigas?” cuestiona Serafín Otero, responsábel de política institucional do BNG de Vigo.

Otero exixe que o Concello poña en marcha de maneira inmediata todos os mecanismos previstos no prego de condicións ao que está sometido Linorsa e que de os incumprir proceda á rescisión do contrato, garantindo a subrogación de todo o plantel, tal e como vén de solicitar o propio Comité de empresa. “Xa abonda de advertencias formais de cara a galería, o Concello ten que tomar decisións”, enfatiza.

Ademais, para a fronte nacionalista este novo conflito volve poñer en cuestión o modelo de xestión privatizada, que “ao final só beneficia a empresas”. É por iso que apostan pola progresiva remunicipalización dos principais servizos públicos do Concello.