O BNG inicia unha campaña de avaliación do goberno municipal co lema "Vigo: 2 anos perdidos"

O BNG inicia unha campaña de avaliación do goberno municipal co lema "Vigo: 2 anos perdidos"

Reparto VigoO Bloque Nacionalista Galego ven de iniciar unha campaña política de divulgación da súa avaliación destes dous anos de goberno municipal. A campaña consiste na elaboración dun díptico que se distribuirá masivamente mediante repartos pola rúa en todos os barrios e parroquias da nosa cidade, repartos nos que se implicará a militancia da organización e mediante encontros con colectivos sociais.

Na presentación desta campaña, Iolanda Veloso resaltou a inexistencia de novos proxectos e infraestruturas: “Estamos ante un goberno que vive de rendas dos 4 anos anteriores, que non ten ningunha iniciativa política e que non sabe responder á grave situación social actual”

A portavoz municipal fixo tamén fincapé hoxe na incapacidade do alcalde para conseguir consensos cidadáns para os temas fundamentais, e para lograr que outras administracións cumpran coas súas obrigas coa cidade, “non consegue nin sequera o apoio do seu propio partido, que toma decisións que perxudican a Vigo e a Galiza”

A formación nacionalista sinala tamén nesta campaña a falta de preocupación pola realidade social da nosa cidade por parte deste goberno, que en vez de estar pendente de garantir as necesidades básicas e os dereitos da cidadanía, céntrase en actuacións secundarias cara a galería, que fomentan unha imaxe de personalismo e populismo. O BNG lembra que os principais problemas da cidade seguen sen se resolver: o desemprego, a destrución de sectores produtivos, o deterioro dos servizos á cidadanía ou o retraso en materia de transporte e infraestruturas son probas do fracaso político que supuxeron estes dous anos para Vigo.

A organización frontista critica a falta de diálogo coa sociedade por parte do alcalde, que só se reúne cos que apoian as súas posicións e ignora e insulta aos críticos, tentando afogar economicamente aos que discrepan das súas políticas, baseadas na sumisión e o acatamento.

Tamén se quere salientar nesta campaña o papel do BNG como única forza política que mantén unha oposición construtiva e que propón alternativas no concello, lembrando que grazas á presenza do BNG conseguíronse melloras nos orzamentos municipais deste ano, como poden ser investimentos en emprego por valor de 6 millóns de euros, aumento de medio millón en bolsas para comedores escolares, 3,2 millóns de euros para o plan social de compensación contra a crise ou investimentos en ensino, coa construción de 3 novas escolas infantís.

O BNG inicia unha campaña de avaliación do goberno municipal co lema "Vigo: 2 anos perdidos"