O BNG insta a Corina Porro a deixar de “xogar a ser minialcaldesa” e a que actúe para poñer fin ao abandono da Xunta contra Vigo

SAVE_20191120_181712
A fronte nacionalista non asistirá á inauguración do ‘Nadal Solidario’. Critican que o Goberno galego se limite a “competir ou solapar” con actividades locais en lugar de exercer as súas competencias na principal cidade de Galiza
O BNG insta a Corina Porro a deixar de “xogar a ser minialcaldesa” e a que actúe para poñer fin ao abandono da Xunta contra Vigo

VIGO, 14 de decembro de 2019.- O BNG non asistirá ao acto de inauguración do denominado “Nadal Solidario” que organiza a Xunta de Galiza en Vigo, previsto para o próximo luns. Así llelo transmitiu hoxe o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, á Delegación Territorial da Xunta na nosa cidade.

A fronte nacionalista agradece a “cortesía institucional” e que se rectifique o hábito de só estender estes convites ao grupo municipal do PP e subliña o seu recoñecemento ao “traballo e contributo” das organizacións sociais que van participar na programación. No entanto, declinan a invitación argumentando que o papel da Xunta na cidade non pode ser o de “competir ou solapar” con actividades que son de “evidente carácter local”. “O que precisamos e merecemos as viguesas e os vigueses é que o Goberno galego exerza as súas competencias para atender as necesidades da principal cidade de Galiza, non unha competición absurda dentro da confrontación partidista entre Xunta e Concello”, manifestou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista reiterou a relación de 21 demandas que lle fixera chegar á actual Delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, no momento da súa designación e á que engade as preto de 30 emendas que o Bloque formulou ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 e nas que demandaban un aumento de 56 millóns e medio do investimento autonómico na cidade.

“O que ten que facer Corina Porro é deixar se xogar a ser unha especie de ‘minialcaldesa’ e exercer como Delegada para que remate o abandono da Xunta do PP contra Vigo”, reclama Igrexas. Unha petición que exemplifica en cuestións como dotar o barrio de Navia dun instituto, acabar cos recortes no ensino público que se traduce en menos medios en beneficio da privada-concertada. Tamén instan a reverter os recortes sanitarios atendendo as reivindicacións da Atención Primaria, do PAC e poñendo fin ao modelo privatizador do Hospital Álvaro Cunqueiro. Por outra parte urxen a que o Goberno galego atenda cuestións infraestruturais, como o tunel de Xulián Estevez, ou completar a rexeneración integral da Ría.

O BNG insta a Corina Porro a deixar de “xogar a ser minialcaldesa” e a que actúe para poñer fin ao abandono da Xunta contra Vigo