O BNG lamenta a falla de transparencia e participación na elaboración do borrador do novo PXOM de Vigo

pleno01

Xabier P. Igrexas: “En lugar de dar conta do borrador no Consello da Xerencia de Urbanismo e de informar as forzas políticas da oposición, o Goberno municipal volve optar por filtracións a algúns medios de comunicación”.  

A fronte nacionalista insiste en que sen consenso e participación non poderá haber un PXOM duradeiro e efectivo.  

O BNG lamenta a falla de transparencia e participación na elaboración do borrador do novo PXOM de Vigo


 

VIGO, 13 de abril de 2020.- Despois de que transcendese publicamente a decisión do Goberno municipal de Vigo de lle remitir á Xunta o borrador do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Bloque Nacionalista Galego lamentou a falla de transparencia e de participación na elaboración deste documento.  

O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, criticou que non se dese conta do borrador no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo e que tampouco se lles remitira esta mañá copia do expediente ás forzas políticas da oposición. O edil reclamara en numerosas ocasións na Xerencia que se dese conta da elaboración do borrador recibindo sempre a negativa ou o silencio do executivo local.  

“Para que Vigo teñamos un PXOM efectivo, estábel, duradeiro e con seguridade xurídica que permita desenvolver a cidade despregando un planeamento racional e ordenado do noso urbanismo, é preciso o máximo consenso e para que haxa consenso ten que haber participación”, advertiu Igrexas quen afeou a elaboración do borrador “na escuridade dos despachos”. O portavoz municipal nacionalista volveu reclamar diálogo coa veciñanza, cos colectivos sociais e con todos os axentes urbanísticos.  

Aliás, desde a fronte nacionalista considera “inxustificábel” que en lugar de informar dun documento “clave” como o borrador do PXOM na Xerencia de Urbanismo a concelleira María José Caride volva optar por “unha pingueira de filtracións a algúns medios de comunicación”. 

O BNG unha vez reciba esa documentación estudará en detalle o borrador para poder facer unha valoración do seu contidos, mais aseguran que do punto de vista formal empeza “moi mal” por causa da falla de transparencia. “Non é un bo camiño para o PXOM insistir en vellas equivocacións. Agardamos que o Goberno municipal rectifique”, remachou. 

O BNG lamenta a falla de transparencia e participación na elaboración do borrador do novo PXOM de Vigo