O BNG levará ao Congreso o rexeitamento ao novo recheo no Berbés

A fronte nacionalista reitera que o proxecto de aterramento carece de ningunha xustificación e constituirá unha nova agresión ambiental.

Xabier P. Igrexas: “Vigo xa lle gañou ao mar por volta de 3 millóns de metros cadrados. O tempo dos recheos rematou.”

O BNG levará ao Congreso o rexeitamento ao novo recheo no Berbés

O Bloque Nacionalista Galego reiterou esta mañá a súa oposición frontal aos proxectos de novos recheos na ría que promove a Autoridade Portuaria de Vigo, presidida polo popular Enrique López Veiga. A fronte nacionalista volveu expresar o seu rexeitamento ao aterramento de 8500 metros cadrados previsto no pantalán número 2 da dársena de Bouzas, nas inmediacións da lonxa do Berbés. Anuncian que levarán a súa oposición ao Congreso para evitar que se poida materializar.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas cuestionou esta actuación asegurando que “carece de ningunha xustificación e no caso de se materializar constituirá unha nova agresión ambiental a un ecosistema tan valioso como a Ría de Vigo”.

Igrexas, que xa promoveu o pasado mes de novembro unha moción municipal (impulsada pola Plataforma en Defensa da Ría) en repulsa a novos aterramentos, lembrou que a cidade xa lle gañou por volta de 3 millóns de metros cadrados ao mar nos sucesivos recheos realizados.

Aliás, o edil advertiu de que a Autoridade Portuaria promove estes proxectos malia non contar nin coa Delimitación de Espazos e Usos Portuarios nin cun Plan Especial, documentos “estratéxicos e imprescindíbeis para definir e racionalizar a utilización da superficie portuaria”, o que pon en evidencia a “nefasta” xestión de López Veiga á fronte do porto vigués.

Ao Congreso

Nun momento no que o proxecto de recheo fica apenas pendente dun informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o Bloque anuncia que levará a súa oposición ao mesmo até o Congreso a través dunha iniciativa do deputado nacionalista, Néstor Rego, coa que pretenden lograr o compromiso do goberno español para evitar esta agresión ambiental.

“O BNG témolo claro, como o ten claro a inmensa maioría da cidadanía de Vigo. É hora de que o Partido Popular o comprenda e o acepte: o tempo dos recheos rematou”, proclamou o portavoz municipal nacionalista. 

O BNG levará ao Congreso o rexeitamento ao novo recheo no Berbés