O BNG levará ao Parlamento unha resolución contra a privatización da sanidade e pola transparencia

O BNG levará ao Parlamento unha resolución contra a privatización da sanidade e pola transparencia

O Bloque defenderá mañá unha iniciativa que aposta pola recuperación da xestión pública do novo hospital de Vigo e que conte coa dotación necesaria para atender a toda a poboación da cidade e a súa área de influencia

 

Vigo, 8 de outubro de 2014.- O grupo parlamentar do Bloque levará mañá ao Parlamento galego unha proposta na que reclama o fin da discriminación da área sanitaria de Vigo e da privatización. “Este goberno ten que asumir a pésima situación da sanidade en Vigo e tomar as decisións necesarias para solucionar os graves problemas que día a día vive a cidadanía”, explica a deputada Carme Adán.

Na iniciativa, o BNG demanda a recuperación da xestión pública do novo hospital que se está construíndo en Beade, de forma que se converta no centro de referencia do sur de Galiza, incluíndo toda a tecnoloxía necesaria para atender a súa poboación, así como o laboratorio central.

O Bloque tamén esixe que o goberno galego faga unha aposta decidida pola transparencia, facendo público o novo concerto do Sergas con Povisa e paralizando o proceso de elección de centro hospitalario mentres non facilite toda a información. “Temos claro que a cidadanía necesita coñecer toda a información para poder escoller”, asegura a deputada nacionalista.