CORONAVIRUS

O BNG pide que Corina Porro aclare se a Xunta vai levantar a intervención da residencia de DomusVi Barreiro nos vindeiros días

Xabier P. Igrexas: “Cremos, e así o dixemos, que a Xunta de Galiza equivocouse ao demorar a decisión de intervir a residencia DomusVi Barreiro. O que lle pedimos agora é que non volva equivocarse por segunda vez retirando esa intervención antes de tempo”.

A fronte nacionalista demanda que a Delegada Territorial da Xunta en Vigo explique en detalle e con total transparencia como se ten desenvolvido até o momento a intervención pública desa residencia.

O BNG pide que Corina Porro aclare se a Xunta vai levantar a intervención da residencia de DomusVi Barreiro nos vindeiros días

O Bloque Nacionalista Galego dirixirase de maneira urxente á delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, para pedirlle que aclare se o Goberno galego pretende finalizar a intervención da resiedncia de DomusVi Barreiro nos próximos días.

A fronte nacionalista lembra que a intervención foi aplicada a inicios deste mes de abril cando xa se rexistraran 85 casos positivos de Covid19 entre as persoas residentes, 11 máis entre o persoal e xa se contabilizaran varios falecementos.

“Non podemos entender o motivo polo que en medio do estado de alarma e da alerta sanitaria decretada a nivel galego, a Xunta poida ter intención de levantar unha intervención que permitiu dotar de máis medios humanos e materiais a residencia para protexer unha poboación de alto risco”, expresou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas explicou que van demandar tamén a Corina Porro que explique como se ten desenvolvido até o momento esa intervención. “Queremos que se informe ao conxunto da cidadanía, con total transparencia, de cales foron as decisións adoptadas pola Xunta á fronte da residencia. Que se explique en detalle de canto persoal se adicionou, que medidas de carácter preventivo se incorporaron e que directrices médico-sanitarias se puxeron en marcha”, sinalou.

“Cremos, e así o dixemos, que a Xunta de Galiza equivocouse ao demorar a decisión de intervir a residencia DomusVi Barreiro. O que lle pedimos agora é que non volva equivocarse por segunda vez retirando esa intervención antes de tempo”, advertiu o portavoz municipal nacionalista, cualificando de “imprudente” facelo até non ter superado a actual fase de confinamento ou estar nunha fase avanzada de desescalada. “Esta residencia houbo que intervila pola incapacidade demostrada da dirección desa empresa para asegurar a saúde e a debida atención das persoas residentes”, subliñou.
 

O BNG pide que Corina Porro aclare se a Xunta vai levantar a intervención da residencia de DomusVi Barreiro nos vindeiros días