O BNG promove unha Declaración Institucional do Concello de Vigo en apoio a Vulcano

Imaxe do Correo Gallego
Imaxe do Correo Gallego

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, presentou unha proposta de declaración para lograr unha “posición de cidade en favor da continuidade da actividade e do emprego” no estaleiro.

A fronte nacionalista agarda que a súa proposta conte co apoio de todos os grupos políticos e sexa aprobada no Pleno da vindeira semana.

O BNG promove unha Declaración Institucional do Concello de Vigo en apoio a Vulcano

 O BNG rexistrou esta mañá unha proposta de Declaración Institucional para que o Concello de Vigo exprese o seu apoio aos traballadores e traballadoras de Vulcano. O texto foi dirixido á Xunta de Voceiros para que esta o eleve á vindeira sesión plenaria, prevista para o mércores da semana próxima. Na proposta presentada polo concelleiro, Xabier P. Igrexas, a fronte nacionalista salienta a relevancia de Vulcano sinalando que é “un estaleiro centenario da nosa cidade que ao longo da súa Historia tivo un papel de grande relevo nunha actividade estratéxica para Vigo como é a construción naval”.

A declaración está xustificada diante “da grave situación que atravesa o estaleiro e onde paira a ameaza real da súa inminente desaparición”, perante a que o Bloque propón que o o Concello de Vigo “exprese o seu pleno apoio ao plantel de traballadores e traballadoras de Vulcano, que representa setenta empregos directos aos que se engaden outros case mil indirectos”. Nese sentido, a declaración reclama que as administracións públicas competentes “cumpran cos compromisos adquiridos co Comité de Empresa para a súa viabilidade e adopten con urxencia as medidas necesarias para asegurar a continuidade da actividade e do emprego neste estaleiro, e por extensión, na súa industria auxiliar”.

Posición de cidade

“Diante do abandono por parte das administracións do que son vítimas os traballadores de Vulcano, o BNG promovemos unha posición de cidade que exprese con firmeza que queremos que neste estaleiro centenario se continúen a construír ou a reparar barcos”, defendeu Igrexas.

O voceiro nacionalista amosouse convencido de que a iniciativa será apoiada de maneira unánime polo conxunto da Corporación Municipal asegurando que “nin Vulcano, nin os traballadores e traballadores do sector naval, nin esta cidade merecen menos que ese compromiso”.

Proposta do BNG de Declaracion Institucional sobre Vulcano