O BNG propón que o Pleno do Concello de Vigo rexeite a creación dunha universidade privada

  • A fronte nacionalista rexistrou unha proposta de Declaración Institucional para ser aprobada na vindeira sesión plenaria.
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demanda un maior apoio á universidade pública aumentando o seu financiamento e alargando a súa oferta formativa.
O BNG propón que o Pleno do Concello de Vigo rexeite a creación dunha universidade privada

O BNG rexistrou esta mañá unha proposta de Declaración Institucional para que o Pleno do Concello de Vigo rexeite a creación dunha universidade privada en Galiza e en apoio da universidade pública. A iniciativa, que foi presentada diante da Xunta de Voceiros, recolle as posicións expresadas polos diferentes sectores da comunidade educativa universitaria, desde os reitores até as organizacións sindicais e estudantís, e pretende fixar “unha posición de cidade” diante do proxecto, promovido por unha entidade bancaria de crear unha universidade privada en Galiza cun dos seus campus en Vigo.

O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que o Pleno “como máximo organismo democrático envíe en nome da cidade unha mensaxe clara en contra deste proxecto privatizador”. No texto da resolución instan o Goberno galego a atender “o clamor do conxunto da comunidade educativa universitaria” e a non autorizar o proxecto dunha universidade privada advertindo de que incumpriría o previsto na propia Lei galega de Universidades non que se refire á non duplicidade na oferta de estudos xa existentes nas universidades públicas.

Acabar cos recortes na universidade pública

Na proposta de declaración, as nacionalistas subliñan que o sistema universitario galego ten visto reducido o seu financiamento na última década en 438 millóns de euros como resultado da “política de recortes” aplicada pola Xunta do Partido Popular. Neste sentido, demandan un novo plan de financiamento das universidades públicas para mellorar a súa dotación económica, destinando o equivalente o 1,5% do PIB galego. Desta maneira, explican, melloraríanse “as condicións docentes e o impulso á investigación” e podería materializarse a “necesaria ampliación da oferta educativa pública, hoxe bloqueada pola cláusula de estabilidade, para a adaptar ás necesidades sociais e laborais do noso País”.

Igrexas enfatizou “o ensino público e o seu carácter irrenunciábel como dereito social tamén no nivel universitario”. Desde esa perspectiva defenden tamén que se inste a aumentar substancialmente o sistema de becas e axudas públicas así como a que se eliminen as barreiras para o acceso do conxunto da poboación a estudos universitarios”.

O portavoz municipal nacionalista fixo un chamamento a todas as forzas políticas da Corporación a se sumar a esta Declaración Institucional cunha alusión directa tanto ao grupo municipal socialista como á Marea de Vigo para garantir a súa aprobación.