O BNG reclamará en Madrid que se concrete o apoio do novo Goberno español a Barreras

  • Néstor Rego: “Nos próximos días presentaremos unha iniciativa parlamentaria ao respecto, manteremos as conversas pertinentes co Ministerio de Industria, manteremos a comunicación co comité de empresa. Dende logo estaremos sempre ao dispor dos traballadores e traballadoras para darlle unha saída definitiva a Barreras e que garanta a súa continuidade”.
  • A fronte nacionalista volveu demandar, por boca do seu concelleiro en Vigo, Xabier P. Igrexas, que a Xunta exerza as súas competencias para garantir o futuro do estaleiro e deixe de ser “un convidado de pedra”.
O BNG reclamará en Madrid que se concrete o apoio do novo Goberno español a Barreras

O representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, achegouse até Vigo para reunirse co Comité de empresa de Barreras. Na xuntanza, na que participou canda o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, o deputado trasladoulles a vontade política do Bloque Nacionalista Galego a contribuír na solución á crise de Barreras e a contribuír sobre todo, a que a nosa industria, especialmente a industria naval, poda ver garantida a continuidade da actividade, mais sobre todo, dos postos de traballo.

No recente acordo de investidura, o BNG incorporou medidas en relación co reforzo da capacidade produtiva da construción naval no noso país, tanto na ría de Ferrol como na ría de Vigo, co compromiso explícito do goberno para que houbese unha intervención pública para dar garantías de estabilidade e continuidade da actividade.Barreras 6

“O BNG seguirá contribuíndo para que isto siga, confírmannos que o Ministerio de Industria está traballando nisto, mais o Bloque Nacionalista Galego tamén vai seguir atento e vai seguir traballando para que se poida verificar que o estaleiro de Barreras saía da crise” afirmaba Néstor Rego na rolda de prensa.

Xunta

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, volveu reclamar á Xunta de Galiza que "exerza as súas competencias e deixe de ser un convidado de pedra" na crise que afronta o estaleiro. Nese sentido, subliñou que o executivo galego ten un "papel chave" para garantir a continuidade a medio e longo prazo unha vez se supere o preconcurso de acredores e se reinicien os traballos nas gradas de Barreras.

Igrexas reivindicou a "intervención pública directa" como medio para garantir a continuidade do emprego e da produción, para evitar que o futuro de Barreras siga a depender "das loitas intestinas do seu accionariado privado", polo que demandou que o Goberno de Núñez Feixóo abandone a súa posición "pasiva" e tome a iniciativa.